Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 20 julio 2024
09:49
h
Conseguiron recadar fondos para o novo predio, pero o traslado leva retraso polas demoras nos permisos de construción // Inés e Mario coidan de ata 250 animais de varias especies nun espazo onde conviven a salvo e en liberdade TEXTO Alba Prada

Santuario Vacaloura tardará en asentarse en terreo arzuán

Inés Trillo e Mario Santiago son todo un referente para os composteláns, e proximamente para os arzuáns, que aman aos animais e en cuxos principios non cabe a distinción entre especies. Unha forma de ver o mundo que se traduce nun estilo de vida vegano (rexeitan o consumo de calquera produto de orixe animal) e que grazas ao seu loable labor no Santuario Vacaloura logran espallar un pouco máis pola comarca.

O Santuario nacía, segundo conta Inés, no 2013, cando a parella vivía nunha casa alugada con horta. “Estaba en desuso e decidimos limpala e ir acollendo algúns cans e gatos abandonados, pero pouco a pouco fomos rescatando a máis especies e decatámonos de que o espazo era insuficiente”, relata. “Non eramos capaces de dicir que non”. Foi nese intre cando decidiron adicarse totalmente ao coidado dos animais e deixar a tenda que rexeitaban, para trasladarse a un terreo dunha media hectárea ao que engadiron un par de predios que lles cederon os donos. Finalmente asentáronse no espazo que agora abandonan, ás aforas de Santiago, e do que teñen que irse polas malas condicións nas que se atopan as instalacións. “O terreo é de aluguer e foi a primeira granxa da zona, data dos anos 60”, relata Inés. Actualmente, as naves están nun estado deficiente, as paredes exteriores desfanse polo desgaste da auga e as interiores xa caeron. O que se traduce nunhas condicións perigosas para a vida dos animais.

Foi por iso que decidiron comprar un terreo novo en Arzúa, para o que contaron coa solidariedade de moitas persoas que foron facendo doazóns (no marco da campaña ‘Un corazón para Vacaloura’) para aportar o seu gran de area. Agora xa posúen o terreo, pero aínda teñen que construír as naves para albergar a todos os inquilinos de Vacaloura e segundo din “o alcalde de Arzúa indicounos que, dada a situación actual, os permisos de construción están tardando moito”, sinala Inés. “É moi urxente para nós mudarnos canto antes”, manifesta a este xornal.

Mentres agardan, seguen a coidar aos 250 animais que albergan nos terreos composteláns. Burros, porcos, ovellas, cabras, pombas, patos, ocas e galiñas conviven día a día nun fogar no que saben que están a salvo e en liberdade. E o máis importante quizais: que se lles trata como iguais, porque no Santuario o respecto á vida das especies animais non humanas é sagrado. Algo que calquera lector vegano non só compartirá, senón que entenderá como o máis lóxico. “Non creo que nin ti nin eu o vexamos”, comentaba Inés durante a entrevista, “pero deixar de consumir animais será o máis civilizado e o máis sostible, porque é inviable seguir coa alimentación omnívora se queremos que o planeta persista”, sentencia. De feito, boa parte da indiferenza de moitas persoas á hora de comer un animal procede do descoñecemento. “Cando abrimos o Santuario ás visitas a xente alucina ao ver que os porcos queren interactuar, e que se tiran panza arriba para que os acariñen, ou ao ver como as ovellas e cabras fan todo o percorrido con nós”, relata Trillo. “Non hai diferenza entre un can e un ovella. Todos sentimos por igual e temos dereito á vida”.

O traballo diario de Inés e Mario non é doado porque é, dende logo, un emprego no que non existen vacacións e no que é imposible deixar as preocupacións fóra da casa. Nada máis erguerse teñen que preparar o almorzo a 250 animais de diferentes especies e con necesidades tamén distintas. Teñen que facer as curas aos que as precisan, limpar, reparar os desperfectos e encargarse das redes sociais, onde son moi activos, e a través das cales mostran ao mundo o seu labor e piden axuda. Moitas veces esta rutina faise aínda máis difícil cando algún está enfermo: “Tivemos hai pouco unha vaca paralítica e dedicábame a atendela practicamente todo o día”, explica.

Para que Vacaloura poida seguir protexendo a tantas especies é fundamental o traballo de moitos voluntarios (en caso de querer colaborar unha tempada ou frecuentemente non hai máis que poñerse en contacto con eles) e tamén son precisas doazóns. A través da súa web (santuariovacaloura.org) pódese apradiñar ou amadriñar a un animal. Tamén contan cunha tenda online, atópanse na plataforma Teaming (onde se pode facer unha achega dun euro ao mes) e en Abillion. Hai que colaborar para que valentes como Inés e Mario continúen o seu proxecto.

25 ene 2021 / 00:05
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.