Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Tordoia e Trazo ofrecen o mellor da súa paisaxe para desfrutar da ponte

Trazo-Tordoia. A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ordes avanza na programación do ciclo de rutas Os lugares do paraíso cunha dobre saída nesta ponte de decembro polos concellos de Tordoia e Trazo.

A primeira será este martes día 6 en Tordoia, e incluirá visitas a enclaves como o encoro de Vilagudín, Santa Susana de Arcai de Abaixo, Pedra Longa, a acea de Estevo ou o famoso dolmen de Cabaleiros.

Pola súa parte, para o xoves 8 de decembro, está programada unha nova ruta guiada polo concello de Trazo, a cal está catalogada como de dificultade alta polas condicións que presenta o seu trazado, o cal imposibilita a participación de nenas e nenos pequenos. Dita actividade divulgativa inclúe paradas no pazo de Vilacova, no Monte Pedroso, no cal se poderá visitar a Pedra Faladora, a cova dos mouros. Tamén se visitarán as ribeiras do río Chonia, onde sobresaen os seus batáns e muíños, e as ermidas de Santa Eufemia e San Mateo, coñecida esta última como a catedral das montañas.

A saída de ambas actividades terá lugar desde a rúa Entreparques de Ordes ás 09.30 horas, mentres que a chegada está prevista para as 14.30 horas.

Aquelas persoas interesadas en participar na ruta polo municipio de Trazo poden anotarse ata este martes, día 6. A inscrición poderá realizarse a través do enderezo info@viaxesalumar.com ou ben chamando ao teléfono 678 776 951. c.g.

06 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.