Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Touro gaña en seguridade vial co Plan Único

Construiranse dous quilómetros de sendas peonís e beirarrúas // Ata o 15 de febreiro poden presentarse ofertas

Touro mellorará a seguridade viaria grazas ás achegas do Plan Único da Deputación da Coruña. O ente provincial investirá en concreto 395.000 euros para a creación de sendas peonís e beirarrúas, e tamén para adecentar a pavimentación e a sinalización en diferentes vías do municipio. Os proxectos están subvencionados na súa totalidade polo ente provincial e suporán unha maior seguridade para os peóns e para o tráfico rodado da vila.

Coa finalidade precisamente de garantir itinerarios seguros para o tránsito das persoas a pé, os proxectos do Plan Único contemplan a construción dunha senda peonil en Tribas (Loxo) de 95 metros de longo e 1,5 metros de ancho medio. Tamén en Porcariza (Vilar), cunha lonxitude de 115 metros e 1,5 metros de anchura. Nesta actuación incluirase a pavimentación da plataforma e a mellora da sinalización horizontal. Asemade, Arinteiro (Toxo) contará cunha nova senda de 420 metros de longo e 1,5 de anchura media. Previa a esta actuación, canalizaranse 185 metros de tubaxe de propileno corrugado e executaranse oito arquetas con sumidoiro para a recollida de pluviais.

Por outra banda, a pista de Carballiño a Calvos (Calvos de Socamiño – Circes), será dotada dun camiño de 560 metros e 1 de ancho medio. Acometeranse tamén tarefas de mellora da recollida de pluviais. No caso de Castro (Prevediños) a senda contará con 350 metros de lonxitude e anchos variables. A zona tamén verá renovada a recollida de pluviais. Por último, crearase unha nova beirarrúa na Goleta (Loxo) de 215 metros e dous de ancho. O lugar contará con sete pozos con sumidoiro para a adaptación da rede de pluviais xa existente.

PAVIMENTACIÓN As diferentes actuacións que se porán en marcha no municipio de Touro con ánimo de incrementar a seguridade viaria, implican, segundo indica o Goberno galego, tamén traballos de pavimentación, adecuación da sinalización horizontal e vertical, drenaxe e recollida de pluviais. En concreto, beneficiaranse destas actuacións os viarios de Vilanova á pista de Castelo (Beseño-Andeade), de Campelo a Bamela (Bama), de Ponte Barreira a Foxás de Abaixo, de camiño da Toxa á estrada Abelenda, da estrada de Rozas a Sabuceda, no viario de acceso a Barrido (Beseño), no núcleo de Calvos de Abaixo (Calvos do Socamiño), na pista de Bamela a Loureda (Bama), na de Campelo a Cruce de Bamela (Bama), na vía a Tolán (Foxás), na de Doxás de Abaixo a Grixo (Foxás), en pistas de Belvís a Cruz da Mariana (Bama) e de Loxo a Mourelos (en Touro).

A súa vez, levaranse a cabo accións de ampliación da estrada da Bugalleira á AC-240 (Vilar) en 1,5 metros. Tamén se vai acometer o revestimento da cuneta no camiño de Abelenda a Loureiros e abordaranse a través do Plan Único tarefas de mellora da drenaxe na zona. Todas estas actuacións sinaladas atópanse en fase de licitación. Dende a Xunta de Galicia informan de que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 15 de febreiro.

Por certo que Boqueixón conta dende o pasado agosto cunha renovada senda peonil no núcleo de Ponte Ledesma tamén grazas a unha inversión da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade de 48.000 euros. Executouse un itinerario peonil de 300 metros de lonxitude na marxe dereita da estrada AC-960.

29 ene 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.