Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Touro programa unha nova cita do Outono a Escena para o día 23

Baixo o título de ‘Contando cantando’ Viravolta Títeres ofrece unha obra para nenos

Touro. Aínda que a nova normalidade está a facer máis complicado ca nunca socializar e desfrutar da cultura, os concellos esfórzanse por manter en todo momento as actividades anuais, iso si, coas debidas medidas anti-covid. Deste xeito, o Concello de Touro puxo en marcha dende o mes pasado a tradicional cita co teatro mediante a iniciativa ‘Touro a escena’.

A seguinte actividade do programa está prevista para o 23 deste mes e consiste en música e marionetas en directo da man de Viravolta Títeres. Baixo o título de Contando cantando, pequenos e maiores poderán desfrutar dun espectáculo que relata como dous músicos metidos a cociñeiros deciden facer unha sopa de cocido solidaria para repartir entre o público, pero un pequeno erro de interpretación na receita provoca que o resultado sexa unha riquísima sopa de música, cantigas e contos. Neste prato atoparanse tropezóns como o gato do romance, unha ratiña moi presumida e todos os seus pretendentes, os habitantes dun galiñeiro moi peculiar e ata unha parella moi especial.

Dende o Concello lembran que é preciso acudir antes da hora para evitar aglomeracións. A cita será as 17.00 horas na casa da cultura de Fonte Díaz e hai que anotarse no 981 814566 ou en cultura@concellodetouro.gal. A.P.

18 oct 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.