Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Trazo énchese de espectáculos que conmemorarán o Día da Muller

O primeiro terá lugar o sábado 13 da man de Teatro Ghazafelhos, que presenta ‘Iriña bailarina’

Trazo. Este luns celébrase o Día da Muller, e o Concello de Trazo quixo unirse á conmemoración desta cita organizando tres espectáculos que teñen como trasfondo a loita contra a violencia de xénero. O primeiro terá lugar o día 13, ás 11.30 horas, no centro social polivalente da man de Teatro dos Ghazafelhos. Presentará Iriña bailarina, unha obra dirixida a un público familiar que convida a reflexionar sobre a igualdade, o cambio de roles ou acerca dos estereotipos sociais.

A seguinte obra está prevista para o mércores 17 ás 10.15 horas no Punto de Atención á Infancia. Paco Nogueiras presenta Brinca vai! De aquí a acolá. Está baseado no libro-cd-dvd Brinca Vai!, editado por Kalandraka Editora, no que se combinan cancións, animacións e interpretacións cos ritmos e rexistros máis divertidos. É toda unha viaxe cargada de humor, baile e cancións. A derradeira actividade para conmemorar o 8 M está programada para o sábado 27. Trátase do espectáculo Feo, de Caramuxo Teatro. Esta obra está inspirada no Patito feo de Hans Christian Andersen. A pequena fábrica de patiños de goma de “Il Papero Guiallo” produce todos os días centos e centos de patiños do mesmo tamaño e cor, pero un día sae un patiño de goma diferente.

En todos os espectáculos as prazas serán limitadas polo que é preciso anotarse previamente no teléfono 981 689001. Só poderá acudir un adulto acompañando a cada neno ou por familia. A.P.

06 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
8M
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.