‘Diario político de la mañana’

Declaraciones de Xosé Sánchez Bugallo en la gala de presentación de El Correo Gallego

Javier Rosende Novo

Xosé Antonio Sánchez Bugallo

Xosé Antonio Sánchez Bugallo

Poder recoñecerse no que un está lendo. Quizais esa sexa a maior proeza daquelas persoas ou daquel medio que intenta ofrecer á cidadanía dun municipio ou dunha comarca a información máis próxima, a información local. Esa información que é espello do que un mesmo vive, que recolle en letra o que un pensa, en imaxe o que un ve, e en son o que un escoita.

EL CORREO GALLEGO nacía en 1878 co subtítulo de Diario político de la mañana. Facíao en Ferrol e non chegaría a Compostela ata 1938. En todo caso, un xornal nado en tempos convulsos como os que se vivían e, máis aínda, como os que tería que superar despois, viña acompañado dun prospecto que rezaba algo así como: “Imos a pisar a, hoxe máis que nunca, candente area da política, non para defender en ela tal ou cal cor, esta ou outra bandeira, senón para soster os dereitos de Galicia”. 

Declarando misión e valores -e propondo horario de lectura, de la mañana-, EL CORREO GALLEGO non estaba facendo máis que advertir dos efectos secundarios dun xornalismo honesto e comprometido. Uns votos matrimoniais coa verdade que, ante un novo amencer, non só non deberan ser esquecidos, senón que deberan ser renovados. 

“A sinceridade debe presidir sempre a todos os nosos actos” cantaba outra parte dun prospecto que era melodía democrática que, aínda hoxe, podería ser considerada música contemporánea. A banda sonora perfecta dun novo comezo ao que asistimos coa ilusión de poder volver a vernos reflexados nunhas páxinas que son retrato da Compostela na que vivimos.

Crecer desde o local. É a filosofía que emana este novo camiño que arrinca EL CORREO GALLEGO. E non é casualidade que isto sexa así. Adoita falarse da política local como os finos fíos que constrúen as democracias así que, se nalgún punto o xornalismo ten que facer dese quinto poder de fiscalización da política, non é outro que na base do noso sistema. 

Pero sabemos que ese control non se fai sen escoitar a todas as voces que fan grande unha cidade, un municipio como Santiago, unha comarca como na que vivimos e, se seguimos abrindo o plano, un país como o noso. Así as cousas, as follas deste xornal deberan funcionar como praza pública, lugar de encontro entre diferentes opinións, as que nos dan a razón e as que nos levan a contraria. Escoitaba hai uns días a Julia Otero dicir algo así como que para “espabilar” intelectual, económica e politicamente, hai que escoitar moito o que din os que opinan distinto. E estou convencido de que así será. 

Recuperar o futuro implica coñecer cal era a meta inicial e saber recalcular coordenadas para fixar unha nova ruta. O camiño que inicia EL CORREO GALLEGO ten como obriga seguir calzando o compromiso coa verdade co que partiu nun inicio, ofrecendo nas súas páxinas un espazo aberto para que a gran protagonista da nosa cidade, que é a veciñanza, cada compostelán e compostelá, poida recoñecerse nesta cabeceira. Porque todos e todas queremos poder vernos reflexados no que, con moito gusto, moitos seguimos tendo como o Diario político de la mañana. De todas as nosas mañás.