Os tempos de escribir o futuro son chegados

Declaraciones de Alfonso Rueda en la gala de presentación de El Correo Gallego

Javier Rosende Novo

Alfonso Rueda

Alfonso Rueda

Representantes institucionais e medios de comunicación temos un compromiso mutuo coa sociedade. Os servidores públicos adquiren a obriga de ser honestos nas nosas decisións, así como adoptalas sempre en beneficio do interese común. Pola súa banda, os medios teñen a responsabilidade de transmitir a información con rigor, aportando á cidadanía todas as claves para que poidan interpretalo correcta e libremente.

En Galicia leva sendo así nas catro décadas nas que xornalismo e política conviviron para escribir a historia da nosa autonomía. Así quedou rexistrado nas hemerotecas, que son os verdadeiros anais da contemporaneidade. Por iso estou convencido de que os primeiros libros de historia dos nosos tempos son as crónicas que os xornalistas deixaron para a posteridade nos diarios, nas emisoras de radio ou na televisión. 

Como fixemos con outros capítulos fundamentais da nosa autonomía, Galicia enfróntase de novo a unha etapa que se abre chea de dúbidas e incertezas, pero tamén de retos e oportunidades

Podemos estar orgullosos, porque nesa tarefa procuramos deixar o mellor de nós mesmos: os políticos, ao longo de once lexislaturas no Parlamento de Galicia; e os xornalistas de EL CORREO GALLEGO, durante 145 anos de bagaxe, que non é pouco. Afortunadamente, da man do grupo Prensa Ibérica, non só fomos protagonistas directos ou indirectos do pasado, senón tamén do presente. Sen ir máis lonxe, hoxe mesmo, neste especial, estamos a escribir unha nova páxina da nosa historia.

Aproveito esta nova andaina para invitarvos a escribir tamén o futuro. Como fixemos con outros capítulos fundamentais da nosa autonomía, agora Galicia enfróntase de novo a unha etapa que se abre chea de dúbidas e incertezas, pero tamén de retos e oportunidades. Poderíamos fixarnos só nas primeiras: nas consecuencias da pandemia, na repercusión da guerra da Ucraína ou nos factores que nos conduciron a esta inflación desbocada. Pero penso que ese compromiso que adquirimos coa sociedade nos obriga mirar tamén ás segundas: a quedarnos coas cifras históricas do Xacobeo, a sacar partido dos fondos europeos e a impulsar sectores e factores nos que a nosa Comunidade pode ser líder, como a industria aeronáutica e aeroespacial, as novas fontes de enerxía ou a revolución, máis ou menos silenciosa, que está a vivir o sector primario.  

Fagámolo como ata o de agora. No Goberno da Xunta, aportando ferramentas e ofrecendo oportunidades para iniciar este novo período con ilusión. E nos medios de comunicación, coa descrición e análise do que acontece, dando voz aos ilustres pero tamén aos anónimos, enriquecendo as crónicas con diferentes puntos de vista, recollendo o parecer dos expertos, contextualizando, opinando... en definitiva, informando. Como EL CORREO GALLEGO leva facendo dende hai case século e medio.  

Non é un compromiso adquirido só coa sociedade galega actual: é tamén unha responsabilidade contraída coas futuras xeracións, que cando repasen as hemerotecas poderán aprender dos erros e dos acertos cometidos, tomar nota e iniciar, eles tamén, unha nova andaina para poder dicir, como nós agora, e parafraseando ao gran Pondal, que os tempos de escribir o futuro son chegados.