El Correo Gallego

Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

{TRIBUNA LIBRE}

ARCADIO LÓPEZ-CASANOVA

'Sobre ruinas', a plenitude dun poeta

25.02.2014 
A- A+

Xesús Rábade Paredes (Cospeito, 1949) é un moi destacado membro -como poeta, narrador e estudoso literario- da xeración do 68, un grupo -o de Vilanova, Pexegueiro, Vaqueiro, X.M. Casado,etc.- que, na súa ricaz heteroxeneidade, abríu nos 70 e 80 camiños anovadores na nosa poesía.

O traballo poético do autor lugués representa, ata o momento, un conxunto valioso, rigoroso e unitario que ten o seu eixe de representación dominante nunha dramática poética da privación, só contrastada, en ocasións, por un redentor vitalismo amoroso (Poldros de música, 1994). Unha privación que, no seu desenvolvemento, responde ben a un signo militante, social ou comunitario, tal Matria de sombra ( 1987), libro aínda non dabondo valorado, ou ben a un signo íntimo, tal Os dedos dos loureiros ( 2000), unha admirable mostra elexíaca.

Sobre ruínas (2013), o seu último poemario -que xa mereceu un importante recoñecemento- representa unha nova mostra da súa plenitude creadora e, dentro da traxectoria unitaria do conxunto, aporta unha orixinal e intensa síntese dos signos subliñados da súa poética. Libro, xa que logo, que despois de anos de fecundo silencio nos devolve a voz persoal do noso poeta, amosa, á vez, novas modulacións da súa voz lírica, e mesmo -se non me trabuco- abre con esplendor e forza camiños na nosa lírica de arestora.

O poemario, moi traballado na súa articulación, cun pórtico de poéticas e logo tres partes ("Soñar no exilio"/"Recadeiros de luces e de sombras"/"Sobre ruínas"), combina e armoniza o que poderíamos considerar tres modulacións, tres formas líricas. Estaría así, dunha banda, a melodía do canto, no que o eu íntimo se manifesta como poeta -a miudo en xogo de imaxe no espello ("Tenzón","Da razón do cantor","Soñamos")- para expresar o sentido (e o destino) da súa palabra ("Só serás o que soñas, poeta. O teu oficio/ ha de impedir que a escasa luz se extinga/ e abesullar na noite camiños de luzada"), ou ben -suxeito que abre e revela o seu vivir- para traer dos socalcos da memoria a historia persoal ("Exilio", "Nomes íntimos"), a espida verdade das súas raíces, a recuperada e vivificadora imaxe dos seus, dos que dan sentido á súa existencia ("Esteos da memoria", "Evocación do pai", "Voces"), e mesmo para presentar testemuño da súa sufrida estirpe ("veño dos de abaixo,/ domadores de ventos, remontadores de augas,/seres a peito aberto contra lobos").

Estaría logo, doutra banda, a dorida modulación da elexía, que ten, neste poemario, dous modos. Un, o modo máis íntimo, confidencial ou identificativo ("Pretérito de sombra", "Lomba de Taramancos", "Courel pola Seara"), lembranza e lamento polos mestres e amigos que foron exemplo de vida, de actitude, de canto; outro, o modo do compromiso social, comunitario, co dramático pranto pola patria oprimida ("Patria do vento", "Parias"), polo aldraxado país "dos mil éxodos", ou -como canta conmovedoramente en "Palestina"- polas "patrias abatidas", "espello fiel(...) dos pobos negados".

E queda, aínda, unha modulación, que é a da imprecación e a sátira, cunha forza e cunha orixinalidade como poucas veces vimos na nosa poesía. "Escribo e xuro", "Devastación", "Xuramento", "Nada que celebrar" poden sere exemplos admirables de como, sen renunciar ó valor estético do poema, sen caer no prosaísmo demoucador, e sen dogmatismos, o noso poeta acerta a se identificar moralmente -e ser intérprete- cos desherdados da Historia, ó tempo que, dende a indignación e con dramatismo, fai denuncia dos escuros poderes da opresión, da destrución e da inxustiza.

Estamos, en fin, diante dun libro coral, polifónico, no que, por máis, brillan unha lingua rica, insuperable, de poderosos rexistros expresivos (un galego vivo, non aprendido nos dicionarios), unhas imaxes de sorprendentes irisacións significativas, e máis unha sabia composición dos poemas, perfectos sempre no seu movemento rítmico, climático e de estrutura (xa no uso da poliestrofa, xa no verso libre). É a exemplar mostra, ó cabo , da plenitude creadora dun gran poeta noso.

(*) Poeta e catedrático de

Literatura Española na

Universidad de Valencia