Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

40 anos de Autonomía

    O PASADO VENRES, día 21 de xaneiro, cumpríronse catro décadas da toma de posesión do Dr. Xerardo Fernández Albor (1917-2018) como primeiro presidente autonómico da Xunta de Galicia. Celebrouse na igrexa de Santo Domingo de Bonaval, simbolizando a proximidade cos Galegos Ilustres alí enterrados.

    A solemnidade e sobriedade do lugar presidiu tamén a cerimonia. Sobre unha mesiña, dignamente cuberta, repousaba unha Biblia e un crucifixo. De fondo, as bandeiras de España e Galicia. Xerardo estaba sentado á beira dos presidentes preautonómicos Antonio Rosón e José Quiroga, a carón de Domingo García-Sabell, delegado do Goberno.

    A diferenza do extenso discurso pronunciado diante do Parlamento de Galicia o día 7 de xaneiro, aínda na súa primeira sede do Pazo de Xelmírez, para obter a confianza da cámara, estoutro do día 21 foi breve. Invocou as sacras cinzas dos galegos ilustres alí enterrados e a todos os devanceiros; á Galicia emigrada, representada no acto polos directivos dos Centros Galegos que realizaron unha longa viaxe desde América para a ocasión; e agradeceu, en fin, a presenza da selecta nómina de personalidades que representaban ao pobo galego.

    Don Xerardo comentaba con ironía que, naqueles tempos, ser deputado en Madrid era máis importante que ser presidente da Xunta de Galicia. El encargouse de dignificar o cargo, entregando a súa bonhomía e prestixio persoal á institución. Pilotou a transición galega, nada fácil naqueles tempos, e logrou cun orzamento exiguo, construír as bases da Autonomía.

    Sería inxusto esquecer ao primeiro goberno galego, que tomou posesión ao día seguinte, 22 de xaneiro, e a todos os gobernos autonómicos que viñeron despois. Pero do que non teño dúbida é da débeda que Galicia ten co noso primeiro presidente autonómico, persoa sinxela que soubo converter o “sentidiño” no concepto político característico do autogoberno galego.

    24 ene 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito