Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A caída
dun rei

    ao longo da historia, sexo, paixón, luxuria e diñeiro e poder levantaron e derruíron imperios e reinados. Asasinatos, delitos varios, infidelidades... segredos que ocultan a parte escura de persoas con poder que ansían máis cartos e máis poder –tamén sobre outras persoas–. Os protagonistas, coas súas luces e sombras, adoitan ser artistas e xenios; directivos, políticos, emperadores e reis. Entre estes, podemos citar dous exemplos afastados no tempo como foron Enrique VIII de Inglaterra (coas súas seis mulleres) ou Leopoldo de Bélxica, que pasou por filántropo pero o seu racismo e os seus negocios na colonización do Congo foron brutais.

    Agora, Juan Carlos I sorpréndenos coas “reais chanchulladas” que inclúen amantes, vinganzas, delitos fiscais, branqueo, comisións ilegais... Ingredientes que superan todo melodrama ficticio e que coidabamos propios de tempos pretéritos.

    Ante isto, os republicanos non soltan a presa, aproveitan para facer cambalear a institución e, de paso, esquecer canto antes a Pablo Iglesias e o ‘caso Dina’. Os monárquicos, decepcionados (máis dun 58 %). Os que “non saben non contestan” tamén opinan que lles parece ben que o emérito marchase do país e todos coinciden no imperdoable do comportamento real.

    Franco non quixo coroar ó pai, Juan de Borbón, pero coroou o seu fillo e neto de Alfonso XIII, Juan Carlos I, que se converteu no símbolo do fin da ditadura. Durante anos, os medios esforzáronse en tapar o seu lado escuro e presentáronnolo como o rei que “uniu a todos os españois”, campechano, próximo ao pobo e, se ben era un pouco mullereiro, este “defectiño” disque era “comprensible” sendo un Borbón.

    Os que teñen 50 anos ou máis, asocian o rei coa democracia e con 40 anos de progreso imparable dunha España atrasada e encerrada en si mesma. Os máis novos talvez non o asocien con Franco nin coa democracia nin coa transición, nin co 23-F (por certo, tamén se cuestiona o seu papel neste momento histórico), nin tampouco demostren moito interese pola monarquía pero si saben que queren institucións transparentes e representantes desas institucións honrados.

    Definía Tomás de Aquino a hipocrisía consistía en finxir para aparentar unha excelencia moral. Letizia e Felipe VI tomaron decisións difíciles, sobre todo el, para limpar tanta hipocrisía. O tempo dirá como se recordará este rei que foi representante, durante anos, do que se entendía por unha monarquía modélica, unha institución que, nos tempos que vivimos, talvez estea abocada á súa desaparición.

    13 ago 2020 / 00:16
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.