Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A capacidade de odiar

    HAI que botarlle moito peito, bastantes collóns e moi pouca cabeza pra falar como acaba de facelo un xeneral de división do exército do aire. Disimúlenme, por favor, a linguaxe cuarteleira na que me aventuro, pero élles o caso dela. Non porque nos cuarteis todo o mundo se exprese de tal xeito, senón porque neles sempre houbo algunha xente que o fixo así: os de “a moro muerto, gran lanzada”. A maiores de peito, atributos virís e escaso coeficiente intelectual, tamén e por suposto, hai que botarlle moitos sentimentos e pouco corazón a tal proclama.

    A capacidade de odiar tanto como odia, non só o xeneral en cuestión, senón aqueles incursos neso que se chama asentimento tácito, é realmente digna de estudo; de estudio psiquiátrico, naturalmente. O concepto plausible e contemplable de militar é outro e digno que comeza pola defensa dos seus compatriotas, do total da súa concidadanía e non polo desexable exterminio da metade dela (e aínda dunha pouca máis según algúns) subscrito que foi por todos aqueles que asentiron a un escrito no que se asevera que “hai que fusilar vinteseis millóns de fillos de puta” todos naturais e posuidores da mesma nacionalidade ca deles, vostede e máis eu probablemente, meu despistado lector, entre tantos millóns de seres ó parecer tan desprezables como pra merecer unha morte tan indigna. Indigno militar, indigno desexo, indignidade que malfire a toda unha sociedade que se supuña civilizada.

    Un meu compañeiro de bacharelato, profesional dos máis competentes no exercicio profesional da arquitectura, home de fe acendrada e firme, bo esposo e bo pai de familia, sempre algo despistado, iso si, propúxonos ós seus compañeiros de chat a reflexión que non me resisto a reproducir tal cal el nola fixo: “Qué pasa. ¿Ya no sabemos distinguir un chat de coña de uno serio? Por supuesto que estas coñas no son demasiado graciosas, pero ¿publicaría en plan serio un tío que no esté algo ido este tipo de cosas en un chat de un porrón de personas? Si realmente lo publicó en serio, no hay que enviarle ante el juez sino a un manicomio.” Ler a reflexión feita por este meu amigo levoume a darlle un par de voltas máis, por se non lle levaba dado poucas, ó “pronunciamento” deste xeneral de altos voos e ó parecer tan afeito a estar nas nubes, como o resto dos seus compañeiros de armas asentidores.

    Na recente historia da humanidade xa houbo xente que se manifestou así. Uns fixérono con máis elegancia e discreción ca outros, con máis violencia ou con millores formas. Adoito se recordan as de Stalin e Hitler, que tamén se manifestaron donos de tales desexos e que, a fin de contas, dos que máis conta deron e se levaron por diante, foron ós seus propios compatriotas; o primeiro deles, seica a vinte millóns de rusos; o segundo a uns oito millóns de seres entre xudeus, católicos, masóns, social-comunistas, homosexuais e outros seres que convertían en onerosa a enumeración pormenorizada deles. E sempre houbo xente que considerou que “estaban de coña”, sempre quen dixo que non era tan fero o león como o pintaban e que había que desculpar o exabrupto afirmando que “eran buenos chicos” levados dun alcendido arrebato de patriótico amor e desarborada fe nuns principios que deberamos compartir todos... esquecendo que todos os compartimos e que non recoñecelo así implica o acordo tácito de levarnos a incrementar o número de fusilados. Eses mesmos foron os que redactaron o quinto mandamento dun xeito atroz: “matarás con xustiza”; os mesmos que consideraron os asasinatos como “homicidios por exceso de patriotismo”; os mesmos, exactamente os mesmos, porque bestas e bestialidades hóuboas, hainas e haberaas, sempre dun lado e doutro.

    Non é unha coña o que o meu querido amigo considera coma tal, pero si pode ser considerado un delito de odio por moi expresado que este fose nun chat de carácter privado, aínda que polo que se ve bastante colectivo, e, se non é un delito de odio, si é unha ignominia e unha indignidade que afecta a todo un colectivo. A liberdade de expresión ten lindes, tamén ten lindes, que comezan onde o fai a necesidade de poñer couto a todo aquilo que poida poñer en perigo a propia convivencia democrática que si, que debe exercer sempre a transixencia exixible dende a súa propia condición, agás cando a intransixencia allea pon en cuestión o propio exercicio dela.

    10 dic 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito