Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Á caza de Ada Colau

    Como xa dixen aquí nalgunha ocasión, atopo en falla unha dereita intelixente. As máis das veces, as manifestacións dos sectores conservadores da sociedade son abertamente demagóxicas e economicamente interesadas. E se en maio de 2020 asistimos ás manifestacións contra o goberno de Pedro Sánchez feitas no barrio de Salamanca de Madrid, agora foi a dereita de Barcelona a que, con escusas de calquera caste, se mobilizou contra Ada Colau.

    Unha dereita que en parte apoiara o proceso independentista despois da caída do cabalo (para non ser sobrepasado) de Artur Mas e da metamorfose de CDC en PDeCat para, unha parte de este, transformarse en Junts per Catalunya. Non resultaba casual, se observabamos unha vila media como na que vivo, que as casas que máis lazos amarelos e bandeiras estelades (en azul) amosaban eran as unifamiliares das zonas privilexiadas.

    E en paralelo, aqueles homes e mulleres que sempre se tiveron por persoas de orde agora xogaban ao papel de rebeldes con causa (sobrevida). Desobedientes fronte ás leis dun Estado democrático (aínda que non nos gustasen), revivindo aquel espírito montaraz dos vellos carlistas do século XIX (na guerra, un avó de Puigdemont que era carlista fuxiu á zona sublevada).

    No caso de Barcelona, temos unha dereita sociolóxica que malia expresarse unha parte en catalán e outra en castelán, non ten problema en unir cadelos por vía matrimonial se así aseguran a supervivencia de familias e intereses. Esa burguesía media e alta que se expresa en castelán identificouse desde sempre co PP pero nas últimas municipais, advertida de que o candidato desta formación non tería éxito, preferiu a candidatura de Barcelona pel Canvi-Ciutadans coa intención de frear a posibilidade dun goberno de esquerdas. O seu eslogan era “Queredes botar fóra Ada Colau? Votade Valls”, polo ex primeiro ministro francés Manuel Valls.

    Pero chegada a hora de formalizar unha maioría de goberno, e perante a posibilidade de que o candidato máis votado, o republicano Ernest Maragall, acadase a condición de alcalde, a opción era clara: ese centro dereita, soi disant liberal, puxo os seus seis votos a prol dunha activista de esquerdas antes que o alcalde fose un independentista, aínda que tivese unha extracción burguesa a proba de calquera análise de ADN. Solucionado o problema e casado Manuel Valls coa rica herdeira duns laboratorios barceloneses, desapareceu da escena.

    E a esa dereita que deu apoio a Colau cunha pinza no nariz vense de engadir esoutra que xa dá o (interesado) camiño á independencia por perdido ou amortizado. E a peza a cobrar é Ada Colau, usurpadora para eles dun cargo que nunca mereceu en tanto que defensora dos sans culottes barceloneses. E para tal empresa botaron man de canta escusa consideraron (ruído, limitacións ao tránsito, medidas paliativas polo andazo, inseguridade) para montar unha manifestación na súa contra. Bautizaron a campaña co nome dunha alianza de cen entidades, “Barcelona É Imparable”, encabezada por Gerard Esteva, un violinista que presidiu (vaian vostedes a saber porque) a Unión de Federacións Deportivas de Cataluña a prol do movemento independentista. Estudante da escola Thau (modelo do ensino privado catalanista) e casado con Maria Costafreda, da familia propietaria de Panrico.

    A campaña para a manifestación incluíu anuncios en RAC1 (a emisora do Grupo Godó), non sabemos se pagados ou por cortesía. Unha manifestación celebrada o 21 de outubro e que segundo a policía municipal congregou a 1.200 persoas. Entre outros participantes estaban algúns cubanos exiliados que protestaban pola suposta complicidade da alcaldesa Colau co réxime cubano, vista a invitación á cidade da Habana a participar nas festas da Mercè. Bandeiras de condición independentista con bandeiras españolas e pancartas da CSIF. Junts per Catalunya non participaba pero os que procuraron información na web de BEI, eran dirixidos á plataforma deste partido en Olot. Sobran máis comentarios.

    Joaquim Ventura

    15 nov 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito