Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENQUANTO HÁ FORÇA

A conversión lingüística do PP

    Resultou chocante que a aprobación final dos orzamentos xerais do Estado para o 2022 se demorase unha semana porque o Partido Popular apoiara no Senado unha emenda presentada por Compromís e apoiada tamén, entre outros, por Esquerra Republicana de Catalunya, Bildu, Partido Nacionalista Vasco e Junts per Catalunya, pola que se destinan 1,6 millóns de euros á promoción e difusión das linguas protexidas pola Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, concretamente nas comunidades autónomas de Galicia, Asturias, Euskadi, Navarra, Aragón, Cataluña, Comunidade Valenciana e Baleares.

    Resultou chocante porque o PP leva toda a primeira metade da lexislatura deslexitimando ao goberno central, entre outras cousas, por apoiarse en independentistas e herdeiros dos terroristas (os mesmos cos que os populares se aliñaron agora). E porque esta súbita preocupación por difundir as linguas minoritarias (toda unha conversión inesperada) se produciu despois dunha nova ofensiva a prol do castelán -a lingua maioritaria do Estado- fronte a unha desas linguas minoritarias que agora queren axudar a difundir, aproveitando a lexítima reclamación dos pais dun alumno ou alumna nun colexio de Cataluña, atendida polos tribunais, para que o 25 por cento do ensino se imparta en castelán.

    Pero, como comentou o presidente Sánchez, “se isto serve para que o PP reconsidere a súa política de promoción das linguas cooficiais, benvido sexa”. En realidade, o que os populares parece que querían era chafarlle ao goberno social-comunista -como gustan de chamarlle- o triunfo orzamentario no Senado, obrigándoo a pasar de novo polo Congreso e demorar unha semana a celebración. A cambio, coa adhesión dos deputados socialistas e de Unidas Podemos, a emenda para difundir as linguas minoritarias acadou un apoio espectacular: 281 votos a favor fronte a 62 votos en contra e unha abstención.

    Non deixa de ser unha anécdota dentro das pequenas e grandes batallas parlamentarias, pero serve de contrapunto ás retóricas crispadas que falan continuamente de traizóns e de patrias a punto de romperse para evitar defender descaradamente intereses impopulares.

    (Tamén serve para recordar aos que presumen de constitucionalistas que o artigo 3 da Constitución, despois de declarar que o castelán é a lingua española oficial do Estado, e que as demais linguas españolas serán tamén oficiais nas súas respectivas comunidades autónomas, recolle que “a riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección”)

    Xosé A. Gaciño

    06 ene 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito