Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A costas coa sedición

    A eliminación do delito de sedición no Código Penal, reemprazando este delito polo de desordes públicos agravados, está a ser un dos temas estrela nos programas que inundan as grellas da televisión con opinións que, as veces, manifestan non ter demasiado coñecemento das razóns xurídicas que hai detrás da reforma que se pretende realizar. Coa reforma as penas terían un máximo de cinco anos, cunha inhabilitación que podería alcanzar ata os oito anos.

    A redacción do tipo penal da sedición en España data do 1802, o cal de por si so non é un argumento para modificalo. Como tampouco é un argumento definitivo que en Alemaña se suprimira e renomeara no ano 1970, como se quere facer agora no noso Código Penal; ou que en Francia, Italia, Bélxica, Suíza e Portugal tamén teñan o mesmo modelo. Será quizá por que o tipo penal que tiñan anteriormente eses países non estaba ben delimitado e, por ese motivo, acabaron reemprazando a sedición polo delito de desordes públicos agravados que agora se quere introducir no Código Penal?

    Responder a isto é complicado, pero o certo é que o tipo penal do actual delito de sedición non está suficientemente delimitado e a súa precisión e diferenciación co de rebelión, nun sistema garantista, é absolutamente necesaria. Dito doutra maneira, podería dicirse que a proposición de lei que se presentou no Congreso dos Deputados permitirá que os tribunais non teñan dúbidas sobre os delitos e as penas que corresponde aplicar en cada caso; sen deixar aberta a posibilidade de que apliquen un ou outro porque non está claro que delito e que pena corresponde aplicar en cada caso.

    A dita disfunción non é irrelevante, habendo moitos xuristas de países da nosa contorna que consideran que, coa lexislación actual, Gandhi ou Luther King poderían ser acusados polo Tribunal Supremo de sedición polo feito de defender os dereitos fundamentais sen usar a violencia; pois o actual delito non esixe esta última.

    Con independencia de todo isto, a reforma prevista, de seguro, tería o efecto de que a falta de colaboración que a xustiza española non atopou con outros países europeos na tramitación das euro-ordes ata o de agora por non haber un delito homologable –e non se cumprir, por tanto, o requisito da dobre incriminación– desaparecería.

    Dende o punto de vista político, aínda que este é outro tema, tamén é beneficiosa pois manter tipos penais que poden aplicarse nunha dirección ou outra por falta de claridade sementa dúbidas sobre as actuacións do poder xudicial e debilita enormemente a súa credibilidade. Pola contra, a axeitada delimitación dos tipos penais brinda os dereitos fundamentais dun xeito eficaz.

    26 nov 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito