Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A culpa morre solteira

O sorprendente e curioso proverbio portugués que titula este artigo refírese ás situacións nas que ninguén se responsabiliza polos actos cometidos. Coñecino por primeira vez hai moi poucos días en relación coa sentenza absolutoria do Tribunal Superior de Leiría para os once encausados polas responsabilidades que lles atribuía o Ministerio Público nos tráxicos incendios de Pedrogao Grande do mes de xuño de 2017, nos que houbo 63 persoas mortas. Pronunciouna un dos avogados defensores ao considerar como unha “lección notable” de xurisprudencia as explicacións da xuíza presidenta sobre a sentenza e, ao estimar, segundo o seu parecer, que “o mal foi exactamente dizer-se que a culpa nâo pode morrer solteira, antes de se saber se habería alguma culpa que atribuir”. En calquera caso, ficaba probado que a última causa das desgrazas fora unha situación meteorolóxica extraordinaria, moi difícil de predicir, que orixinou unha tormenta de lume imposible de combater e que provocou, na chamada “estrada da morte”, a maioría das vitimas. Máis ou menos o mesmo poderíase concluír coa nova onda de incendios que o veciño país padecería catro meses despois, o 15 de outubro, polo paso do ciclón Ofelia, causando novas desfeitas que, sumadas ás anteriores, deixaba a tráxica pegada de 113 mortes e máis de 350.000 hectáreas estragadas polo lume.

Mais, aínda que a sentenza poida semellar acertada e as causas directas deses danos se poidan atribuír a situacións meteorolóxicas extremas difíciles de predicir e, máis aínda, de controlar, non deixa de existir unanimidade sobre o papel coadxudante que tiveron determinadas causas cunha orixe indiscutiblemente humana. Estás foron o desleixo e abandono no que se atopaba unha boa parte da superficie forestal, a escasa e caótica existencia das faixas de protección, o complexo ensarillado administrativo dos diferentes organismos encargados da loita contra os incendios que deu orixe a evidentes defectos de coordinación e mesmo o lamentable estado dalgunhas liñas eléctricas rurais que foron orixe de lumes. Unha cousa é que sexa difícil e mesmo imposible que estas causas máis remotas, con moitos e enleados niveis de decisión, poidan dar orixe a responsabilidades penais individuais, como vén de concluír o tribunal de Leiría, e outra que non constitúan un serio problema que habería que atallar con urxencia para evitar que os incendios forestais se convertesen nun risco sempre pendente e sempre ameazante. Así o entendeu o goberno portugués e, aínda que con bastante atraso, está a desenvolver unha serie de medidas destinadas a corrixir esas eivas, de entre as que destacaría, a das “Aldeias seguras, pessoas seguras”, destinada prioritariamente a conseguir un mundo rural máis resistente e resilente aos lumes.

O outono do 2017, como en Portugal, foi tamén para Galicia de tráxicos incendios forestais, con vitimas mortais e unha superficie queimada que había tempo que non se lembraba. Por iso, o exemplo do veciño país non debería ser ignorado agora que se cumpren cinco anos do acontecido. Aquí tamén houbo lumes dunha intensidade que superaba amplamente as capacidades dos servizos de extinción orixinados por condicións climatolóxicas extremas, e aquí tamén o espazo forestal amosaba moito descoido, por non citar as practicamente inexistentes faixas de protección dos núcleos de poboación. Non houbo accións penais polas responsabilidades subsidiarias desta situación, pero si se espallou un sentimento de rabia e indignación fronte ás diferentes administracións e comunidades que tiñan a obriga de coidar dos nosos montes.

Porén, moi pouco se falou do cambio climático que, sen nigunha dúbida, estaba detrás do incremento destas situacións climatolóxicas adversas e, sobre todo, da responsabilidade que cada persoa ten co seu comportamento particular diante deste risco global. A loita e prevención fronte aos lumes forestais é, sobre todo, competencia de quen ten o deber de atender o espazo forestal, pero tampouco se poden esquecer os nosos compromisos individuais por remotos que sexan. Así, se queremos que a culpa dos incendios forestais, unha vez máis, “non morra solteira”, todos, asumindo cada un as súas obrigas, deberiamos implicarnos colectivamente nesta loita.

13 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito