Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A ‘Divina Comedia’: estrutura

    É moi importante saber desde o primeiro momento que o poema dantesco ten unha estrutura perfecta en todos os sentidos. En efecto, a estrutura arquitectónica da Divina Comedia está rigorosamente elaborada e baseada, fundamentalmente, na simboloxía do número tres (as tres persoas da Trindade).

    O número tres é o eixo sobre o que xira toda a estrutura, o tres e os seus múltiplos (nove é o tres multiplicado por si mesmo). Pensemos que toda a obra repite o número 3: tres son os cantares nos que se articula o poema: Inferno, Purgatorio e Paraíso, cada un deles está dividido en 33 cantos para facer un total de 99.

    Hai un canto máis introdutorio que fai de preámbulo á totalidade da obra. En total, xa que logo, son cen cantos, número perfecto para o pensamento medieval. Trátase dunha construción física e ética tanto interna como externa; co predominio do número tres; ademais do dito, Dante busca a simetría e o equilibrio.

    Cada canto, aínda que non todos teñan unha identidade propia, é autónomo desde calquera punto de vista: argumento, estilo, medida, etc. En ocasións a materia supera un canto e pasa para o seguinte, cousa que o propio Dante advirte.

    O número de versos de cada canto varía un pouco pero a suma dos versos de cada cantar é moi semellante (4.720 o Inferno; 4.755 o Purgatorio e 4.758 o Paraíso). En total son 14.223 hendecasílabos con rima encadeada. Seguindo a simboloxía do número tres, no Inferno hai nove círculos, no Purgatorio nove chanzos ou cornixas, e no Paraíso nove esferas celestes.

    O sistema ternario dáse tamén na métrica: o terceto está formado por tres estrofas, cada unha delas de tres versos hendecasílabos, con rima encadeada e cada rima repítese tres veces: a medida que o canto vai avanzando, danos a idea do progreso do peregrino ao facer a súa viaxe.

    O gusto polas simetrías numéricas fai que sexan tamén tres as invocacións introdutivas: unha en cadanseu cantar. Isto sucede tamén no feito de que os cantos sextos de cada cantar, resérvanse para tema político, tan importante en toda a Comedia.

    Faise de forma progresiva: No canto VI do Inferno fálase de Florencia, no canto VI do Purgatorio pásase revista á situación política de Italia e no Paraíso tócase o tema do Imperio.

    E así poderiamos seguir, pero agora non é o momento, digamos unicamente que a estrutura arquitectónica do poema e do mundo dantesco está rigorosamente elaborada e en total coherencia coa precisa e ríxida arquitectura de todo o conxunto onde, como dixemos, a simboloxía dos números asume tamén a función fundamental de toda a construción, sendo a columna vertebral sobre a que xira todo o conxunto.

    16 nov 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.