Santiago
+15° C
Actualizado
domingo, 19 septiembre 2021
13:37
h

A ‘Divina Comedia’ na escola

    SE en España xa desde moi pequenos lemos o Quixote, en Italia ocorre o mesmo coa Divina Commedia. Como é natural, tratándose non só dunha obra mestra, senón dunha das máis representativas da literatura italiana e universal, xa desde a escola comézase a ler a Divina Commedia.

    Para un neno acostumado a ler, por exemplo, un conto ou unha obra de fantasía, maxia ou aventura que lle regalaron os pais ou os parentes, atópase cunha sorpresa: a Divina Comedia non ten o mesmo texto. Seguramente se ten poucos anos, non lle faga moito caso, pero será a base do que lle irá sucedendo cando amplíe os seus estudos.

    Se falamos dun alumno de liceo, e sen dúbida ningunha se xa está no curso preuniversitario, aínda que se trate dun alumno aleuto, este feito prodúcelle, non só unha sorpresa senón tamén un certo fastidio porque agora xa se ten que enfrontar, polo menos, a dúas edicións ou máis que o profesor lle recomendará.

    Cando o mesmo alumno decida estudar Humanidades e máis particularmente filoloxía italiana, reafirmarase neste feito pero xa dun modo máis crítico. Definitivamente verá que o texto da Divina Comedia non é único e indiscutible, senón todo o contrario, como sucede coa maior parte dos textos medievais.

    Se é un estudante aplicado e con desexos de converterse nun filólogo, e lle bota unha ollada á páx web da Società Dantesca Italiana, do século XIV, o da morte do poeta, hai preto de 470 entradas referidas a copias e fragmentos en bibliotecas de todo o mundo.

    O estudante nestes momentos, verá que non ten que esperar moito para atopar as primeiras variantes: o verso terceiro: “che la diretta via era smarrita”, de antigas edicións foi transformado en “che la diritta via era smarrita”, que era o que o rapaz sabía de memoria. Nos dous casos trátase do camiño dereito, do camiño xusto, da senda virtuosa para chegar ao Paraíso e, xa que logo, á salvación, fin último do home.

    O universitario que agora si observa o feito máis detidamente, pregúntase: A vía era “diretta ou diritta? Vai ver o profesor, como experto na materia, que lle fala, se non o ten feito xa, das tradicións manuscritas, edicións facsimilares, críticas, etc. A partir deste momento, o futuro filólogo, vai descubrindo a cantidade de variantes que se atopan en cada edición, e decatarase tamén de que non hai ningunha definitiva porque cada unha que vai aparecendo, presenta novas que os filólogos prestixiosos van presentando.

    No caso da Divina Comedia hai unha infinidade, entre outras cousas, porque desgraciadamente non conservamos nin un verso escrito por Dante. Que mágoa! Quédalles moito traballo que facer aos autores de novas edicións críticas, que terán que valerse non só da filoloxía, senón, ás veces, da súa sensibilidade.

    27 jul 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito