Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A enfermidade senil da esquerda

    NESTA Europa en crise multicolor, o problema que ten a esquerda é que se fixo vella. Padece o contrario da doenza infantil que lle diagnosticara V. I. Lenin hai cen anos. Por certo que o único efecto positivo que podía ter nestes días tráxicos a guerra de Putin é espertar a curiosidade das novas xeracións de europeos polo coñecemento das grandes figuras do pensamento socialista en Rusia. Pero esta guerra parece que non nos levanta máis paixón ca o prezo do gas.

    Que magoa non aproveitar a ocasión para darmos un paseo diacrónico polo último século recollendo prosas polí-
    ticas de Lenin, por exemplo, prescin-
    dindo de prexuízos e constructos que a hostilidade ideolóxica nos foi metendo nas cabeciñas.

    Pouca xente sabe que se pode ler a Lenin só polo pracer do seu estilo literario. Que ben escribía o cabrón. Non é tan perigoso polo que escribe ca por como escribe. Pero leva cen anos momificado. Non se le. Xa o dicía, naquelas calendas do desvergonzado 68 en Santiago, Pepé Pastoriza (a mente máis fina daquel mítico maio): “Lo que da más pena de Lenin no es que acabara de momia en el Kremlin, sino en el sobaco”. Porque daquela os progres da Universidade sempre levaban no sobaco un exemplar de La enfermedad infantil del izquierdismo en el comunismo. Pero non o lían. Preguntábaslle a un daqueles farsantes de que ía o libro e respondía: “Ándoche con el”. Coma se fose unha carga.

    Se cadra aquí a única comunista que leu A enfermidade infantil do comunismo é Yolanda Díaz, que ás veces presume de ter nariz (e tena) para ventar o que ela chama “el viento de la historia”.
    Parece que non sabe máis ca sumar
    pero iso é falsa modestia. Porque se
    nota que aprendeu no libro de Lenin aquilo de que a política non é matemá-ticas simples, senón álxebra. E Yolan-
    da é moi alxebraica.

    En política os números suman asegún e restan daquela maneira. Os números a secas teñen algo de infantil, e de aí que os “infantilistas” dos partidos comunistas europeos daqueles anos 20 se negasen a sumar nos parlamentos burgueses, porque seica estaban “historicamente caducados”. Aquel comunismo puro non era máis ca infantilismo, sinalaba Vladímir Ilich. O que había que facer é meterse no Congreso dos Deputados precisamente para acentuar a escenificación da súa decadencia.

    E aí é onde vemos á vella Yolanda que aprendeu a lección de Lenin e xa non lle queda nada de infantilismo, porque ela pisa no Congreso con pasos maduros e manolos. E sabe que de quen hai que distanciarse agora é dos “infantilistas” de Podemos (poucos quedan), que son os únicos que poden salvar a(s) esquerda(s) de tantos “senilistas” viciosos do empetamento salarial. (Eu vou estar moi leninista este ano 23. Aviso).

    20 ene 2023 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito