Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A estrela de Belén

    A actuación da estrela de Belén para que o nacemento de Xesús sucedera máis ou menos como se esperaba, a pesar de que non o fixo todo ben, foi decisiva. Que os Magos deixaran de contemplala pouco antes de chegar ao seu destino, certamente, pode considerarse un fallo; pero isto redundou nalgo positivo. Tanto que, grazas a súa desaparición, Herodes –que non estaba para adorar a ninguén– e todo Israel tiveron a oportunidade de decatarse do gran acontecemento que ía a suceder.

    A misión da estrela sen dúbida non foi fácil, pois debía guiar aos Magos e o seu séquito á unha pequena cova sen que se decatara ninguén máis. O feito de que entendera o que tiña que facer di moito ao seu favor. Igual que se atrevera a facelo, pois emitir destelos intermitentes dende o ceo para que só foran vistos por eles é complicado.

    A Belén, ao final, acabaron chegando moi poucos: os Magos e os seus paxes guiados pola estrela, e os pastores por uns anxos. Tanto uns como outros non tiñan un coñecemento profundo do que estaban a buscar. Os primeiros porque non sabían demasiado da relixión de Israel, e os segundos porque posuían poucos saberes da historia do seu pobo por mor do seu illamento.

    Coincidían, en cambio, en que estaban abertos á posibilidade de descubrir novas realidades e eran emprendedores. Os Magos –expertos astrónomos– non sabían que podía significar a estrela pero intuíron que podía ser algo fora do común; mentres os pastores venceron o seu cansazo e á dúbida de que a mensaxe recibida fora un soño.

    No que respecta á estrela, os seus sentimentos eran parecidos, pois aceptou a misión encomendada como se fora unha aventura. Aínda que logo, pouco a pouco, acabou entendendo a grandiosidade do que estaba a ocorrer.

    A fronteira dos nosos pensamentos, coñecementos e intuicións –pensou a estrela– é moito máis limitada do que cremos. Moito máis preto do que pensamos, hai realidades moito más grandes que nós que se nos escapan. Se nin sequera coñezo todas as estrelas da miña galaxia! –díxose–.

    Ata ese momento a estrela de Belén nunca tivo cruzado a fronteira dos seus pensamentos e, aínda que no universo hai billóns de galaxias, cría que na que vivía era a única. Nin sabía que xunto a dimensión material existen outras tan importantes como a beleza ou a bondade. Pero ao ver como se comportaban María e Xosé, e despois o Neno, descubriunas.

    Ao ver que o Neno-Deus se movía nestas dimensións, tantas veces desaparecidas, a estrela aprendeu a calibrar as cousas dun xeito distinto. E dende entón, quen miran arriba en calquera noite do ano, por moi pechada que sexa, descobren que hai unha ruta inexplorada que paga a pena recorrer.

    24 dic 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito