Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A Galicia dos cumes negros

    Este verán seco e quente é vermello e negro, a única humidade é a que corresponde ás lágrimas de todos os galegos, en especial ás dos afectados directamente polos incendios.

    As condicións climáticas están sendo nefastas, temperaturas próximas aos 40 oC, sequidade ambiental case absoluta, treboadas secas que ao caer provocan incendios terribles e en múltiples puntos simultaneamente... Confiemos que o feito de que sexan os cumes os que arden maioritariamente non teña nada que ver despois cos diversos proxectos para instalar xeradores eólicos e que só sexan un cúmulo de casualidades climatolóxicas.

    Habería que buscar unha explicación científica ao feito de que ardan preferentemente parques naturais, como o Invernadoiro ou a Enciña da Lastra, e zonas con grande biodiversidade e elevado interese ambiental, como O Courel. Será que a xestión non é a máis aconsellable con este cambio climático acelerado?

    É evidente que os montes están sen limpar, a biomasa é moita e por se fora pouco, o que eu considero un inadecuado conservacionismo neses lugares con interese natural grande, así como o abandono do rural por parte da xente nova, poden ser responsables de que ao incendiarse se produzan esas masas de aire quente, moi quente, que sube a alturas enormes na atmosfera ata arrefriarse e caer, como se dunha bomba atómica se tratara, espallando os efectos «asasinos» para a flora, a fauna, a micobiota, as aldeas e as poboacións que atopa polo camiño.

    Na prensa falouse de despidos, de atraso nos contratos dos brigadistas, da falta de medios para salvar as aldeas... Non sei o que hai de certo, pero supoño que se foi esa unha das causas, a conciencia dos responsables non os deixará durmir. Se fora doutro xeito debe tratarse duns malnacidos.

    Son perdas que, desde o punto de vista natural, tardarán moito tempo en superarse, as repoboacións e plantacións non serven para restaurar o arrasado, porque tardarán anos, moitas decenas de anos, en volver a ter un aspecto semellante a antes do incendio. Probablemente a maior parte de nós non o verá. Pero as perdas, a nivel humano, a nivel emocional, nunca se recuperan, os recordos, as vivencias, as lembranzas, a memoria histórica... desapareceron coas vivendas que arderon. E non todas estaban deshabitadas, como apareceu nalgún momento na prensa. Para moita xente, todo o que tiña estaba alí dentro, porque unha casa non é unicamente catro paredes e un tellado.

    Para cando un plano adecuado de conservación do medio natural e de control dos incendios? Para moitos será tarde, 30.000 ha son algo así como trinta mil campos de futbol...

    04 ago 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.