Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A hora do ‘rímel’

    COMENTÁBAME unha amiga que as tendas de cosmética van acabar “regalando” os pintalabios, porque con este panorama a ver quen se vai poñer a voltas con algo que non se vai ver e que, ademais, vai ser toda unha lata levar na cara por debaixo dunha máscara. Chegou a hora indiscutible do rímel, do lápiz de ollos e das sombras, porque se algo imos poder destacar no noso rostro nunha temporada será iso, a mirada.

    Prepárense a usar máscaras de pestañas se queren enfatizar algo na súa expresión facial, ou cando menos, se toca camelar a alguén nestes tempos, teremos que desenvolver máis ca nunca a nosa personalidade. Prepárense entón a mostrar a súa simpatía, amabilidade, intelixencia e a sacar todas as súas dotes para cautivar, convencer ou facerse entender sen axuda da linguaxe non verbal.

    Dinme conta un día destes cando estaba a facerlle unhas carantoñas a un meniño e a sorrirlle e pensei que, sendo tan neneira como son, perdera toda a gracia de súpeto para os cativos. Logo decateime de que o pequeno non podía apreciar ningunha monada en particular pola miña parte xa que ía medio tapada. E é que na nosa cultura estamos acostumados a chegar aos demais apoiándonos cos nosos xestos.

    A miña reflexión non vai de maquillaxes nin de métodos de conquista. Estou pensando na cantidade de información que no día a día, a todas horas, ofrecemos a través da nosa cara. Unha comunicación agora mermada por ese elemento que nos obriga a levar un virus para evitar contaxios. Agora que comezamos de novo a socializar a achegarnos uns aos outros, na medida do posible, é cando un se dá conta de que as persoas que falamos moito co rostro ímolo ter un pouco máis complicado para expresarnos coma sempre.

    E é que isto de levar máscaras que ocupan, ou alomenos a min, media faciana, elimina un punto forte para transmitir as nosas mensaxes mediante a xesticulación.

    Non din que a cara é o espello da alma? Pois hai que miralo polo lado bo, cando algo non nos guste igual nótasenos menos. Para os que non disimulamos nadiña os nosos estados de ánimo, por un tempo parece que nos imos librar diso de ser coma un libro aberto.

    24 jun 2020 / 00:15
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.