Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Lomloe e os ‘saberes’

    HAI uns días, a ministra Celaá resumiu o novo currículo de Primaria e ESO e coñécese un borrador da Lomloe que suscita o debate. Pendentes do texto definitivo e de como se vai concretar en cada comunidade, adianto algunha cuestión.

    Xa hai tempo que a comunidade educativa se vén queixando da enorme cantidade de contidos curriculares imposibles de abranguer nun curso escolar e dos resultados finais. De que vale ter a cabeza chea de contidos, moitos deles para memorizar, se non se saben aplicar na práctica. O alumnado sae dos institutos sen saber interpretar o contido dunha factura, un extracto bancario, colocar unha bombilla, comprender un aviso municipal, redactar unha reclamación...

    Hoxe, San Internet e outras ferramentas axudan a cubrir os ocos da memoria e cómpre conseguir unha aprendizaxe práctica que leve a solucionar os problemas que se presentan. Tamén se espera que o alumnado de hoxe derive en cidadáns e cidadás activos socialmente. Velaquí, dous dos obxectivos prioritarios do currículo da Lomloe.

    O primeiro que constatamos é o enfrontamento entre un modelo tradicional, onde se empoderaba o docente, a memoria e os contidos, e un modelo onde se aspira a lograr un bo nivel competencial, primando o alumnado, a súa creatividade e os procesos. Non será máis conveniente conseguir un equilibrio entre o modelo tradicional contidos/memoria, que tamén é fundamental e totalmente necesaria no proceso de aprendizaxe, e o actual?

    Establécense dous ámbitos nos que se distribúen as materias: o lingüístico-social e o científico-tecnolóxico e a Celaá incidiu, ademais, na diferenza entre saberes indispensables, ou básicos fronte a outros saberes desexables. Pero... cales son uns e outros?, quen os vai clasificar? Como? Onde quedan o saber musical, as artes, o latín...?

    A aprendizaxe cooperativa e a baseada en proxectos serán as vigas mestras das metodoloxías. Mais... estas deben seleccionarse e adaptarse ao perfil do alumnado para conseguir unha aprendizaxe o máis personalizada e inclusiva posible ante a diversidade cada vez maior (distintas culturas, confesións, capacidades...).

    Por outra parte, se transformamos os modelos pedagóxicos tamén transformaremos a avaliación e, por último, non menos importante, cómpre formar profesorado, equipos directivos e, sobre todo, dotalos dos recursos necesarios para que o arelado cambio teña éxito.

    E xusto hoxe, tendo en conta as nosas raíces cristiás, pregunto: todos os saberes relacionados coa Semana Santa serán básicos ou desexables?

    02 abr 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito