Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A maior mina de ouro

    A pasada fin de semana descubrín a paisaxe das Médulas e fiquei verdadeiramente abraiada. Vira fotos, escoitara falar delas, pero malia pasar por Ponferrada en distintas ocasións, nunca ata esta vez o motivo da viaxe fora perderme neste paraíso paisaxístico. Situadas na comarca do Bierzo (León), ao noroeste dos Montes Aquilianos e xunto ao val do río Sil, foron declaradas Ben de Interese Cultural no ano 1996 debido ó seu valor arqueolóxico e ó ano seguinte contaron coa declaración de Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco. No ano 2002 as Médulas obtiveron o galardón de ‘Monumento Natural’ e no 2010 o de ‘Espacio Cultural’. Meréceno.

    A senda das Valiñas foi a escollida para percorrer a zona mineira, tendo como obxectivo chegar ata ‘La Cuevona’, pasando por puntos como a fonte da tía Viviana a través dun itinerario circular que empeza no propio pobo de ‘Las Médulas’, no que a sombra dos castiñeiros se agradece nos momentos de máis pendente, desfrutando dunha paisaxe singular. As árbores coas formas máis curiosas quedan retratados a través do obxectivo da cámara antes de xantar dentro do recinto nun dos restaurantes e descansar despois da ruta. Ó rematar a sobremesa toca quedar co mellor sabor de boca: a vista panorámica das Médulas dende o mirador de Orellán.

    A foto típica, a mellor imaxe para o recordo. Espectacular! Vendo o conxunto da mina dende ese punto un fica namorado da paisaxe. A guinda nesta excursión está nas variedades de mel do Bierzo mercadas e que farán as delicias dos próximos almorzos. Unha delas resultou moi especial, ó ter o galardón de ouro no London Honey no 2021. A colleita deste ano deliciosa.

    A paisaxe das Médulas que contemplamos hoxe é o resultado da extracción de ouro romana. Dise de que en dous séculos saíron da mina máis de cinco toneladas de ouro. Cifras sorprendentes. Segundo as contas de Plinio el Viejo o número de obreiros rondaría os 60.000, aínda que outros estudos indican que serían uns 20.000 homes, tendo en conta a terra removida. De calquera maneira, tivo que ser algo impresionante. Os traballos de enxeñaría que ó longo de case dous séculos se levaron a cabo na zona para extraer o ouro alteraron considerablemente a contorna e deron lugar a unha paisaxe fermosísima de cor alaranxada cuberta de castiñeiros e carballos. Esta zona está considerada como a maior mina de ouro a ceo aberto de todo o Imperio Romano. Segundo o arqueólogo Antonio García Bellido, a terra removida nesta zona achégase ós 500 millóns de metros cúbicos.

    Empregouse como sistema para a extracción do ouro o ‘Ruina Montium’ (derrumbe dos montes). Así, a auga dos ríos da montaña canalizábase e acumulábase na parte superior, logo a forza da auga desfacía a montaña e arrastraba as terras auríferas ata os lavadeiros onde se obtiña o ouro que empregaban fundamentalmente para acuñar moedas. Resultaba imprescindible desfacer a montaña, lavar o conglomerado para recoller o ouro e eliminar o inservible fóra da mina. Algo que estaba moi estudado e que non se fixo de maneira improvisada. Impresionados quedamos ó saber que deberon existir unhas catrocentas canles, algunhas coa lonxitude de cen quilómetros. Unha das consecuencias foi a aparición do lago de Carucedo, hoxe un humedal protexido, ó taponar os sedimentos un dos vales.

    22 sep 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.