Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A maxia de Eiré e Carvalho

    A sombra do coronavirus é alongada e afectou enormemente ao sector cultural. Por exemplo, son moitas as presentacións e os títulos que tiveron que interromper o seu camiño para chegaren aos lectores ou, mesmo, permanecer na liña de saída ata nova orde. Entre elas as centradas na vida e obra de D. Ricardo Carvalho Calero, persoeiro elixido para a celebración das Letras Galegas: Carvalho Calero. Fronte ao espello da memoria; O anxo da terra; Carvalho Calero. Vida e obra dun ser polifacético; Ricardo Carvaho Calero. A pegada do compromiso, De Carballo Calero a Carvalho Calero...

    Ademais destas obras divulgativas, outras moitas quedaron en standby como é o caso de A maxia da auga, escrita polo xornalista e escritor Afonso Eiré e publicada por Hércules de Ediciones. Nela, as lectoras e lectores atoparán unha serie de relatos onde se reviven e actualizan os mitos e lendas galegas relacionados coa auga no país dos mil  ríos.

    Tiña que ser a pluma sensible e experimentada dun home como Eiré a que nos fixese reflexionar ao redor da actualidade de seres como as xacias, as mouras, os tesouros, as pantasmas, os medos, os corvos, os lobos... Toda unha imaxinería que forma parte do noso ser colectivo como pobo e que compartimos con outros pobos de Europa aínda que cunha diferenza: eles adoitan aproveitar este marabilloso material mentres nós nos empeñamos en relegalo ao esquecemento ou en substituílo por outros personaxes e crenzas foráneos no nome do progreso.

    Escritos desde o sentido de humor e desde o profundo coñecemento de que somos e quen somos os galegos, Eiré consegue transmitir uns textos fluídos, fáciles de ler, divertidos e cunha gran riqueza léxica que inclúe algún que outro dialectalismo propio da Terra Chá que o viu nacer –algo característico de todas as súas obras–. O autor, de forma case máxica, logra enganchar os lectores e lectoras desde as primeiras liñas. Uns desfrutarán deste mergullo nas lendarias augas do entretemento e das lembranzas e outros, ademais, lerán entre liñas e concluirán que nestes relatos o autor é quen de “retratar a sociedade actual á luz das crenzas do pasado”, como el mesmo afirmou.

    Estes e outros moitos títulos agárdannos nas librerías e nas vindeiras feiras dos libros. Visitémolas, merquemos e agasallemos libros para contribuír, na medida das nosas posibilidades, a revitalizar un sector editorial que continúa demostrando a súa resiliencia, o seu gran nivel, a súa afouteza, e, en xeral, o seu compromiso coa cultura e co país.

    25 jun 2020 / 23:45
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.