Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A medio século dunha folga que abriu unha nova etapa

AS folgas xerais de marzo en Ferrol e de setembro en Vigo, deixaron en evidencia a amplitude do rexeitamento á ditadura franquista por parte do movemento obreiro e das clases populares na Galiza. A represión foi desproporcionada, no Ferrol causou o 10 de marzo dúas mortes e ducias de feridos, e nos días seguintes 160 operarios perderon o emprego en Bazán e outros 100 noutras empresas. Foron detidas 169 persoas, 45 serían xulgadas, e unhas 200 pasaron á clandestinidade. O estaleiro sería militarizado. A solidariedade alargouse a Coruña, Vigo e tamén ao ámbito universitario en Compostela.

A folga de setembro na bisbarra de Vigo, sería precedida polo paro no mes de maio en Barreras, que contou co paro solidarrio doutras empresas (un dato sobre o estado de ánimo e conciencia a termos en conta). Comisións Obreiras convocou un paro para o 9 de setembro en Citroën, reivindicando non traballar os sábados á tarde. A empresa respondeu despedindo a cinco operarios e abrindo expediente a catro membros do Comité. En contestación convocouse un paro o luns 11 de setembro. Ese mesmo día sumáronse: Vulcano, Santodomingo, Álvarez, Artiscar e Barreras. Ou sexa, sobre 10.000 traballadores o primeiro día do que xa era unha folga xeral.

Realizáronse manifestacións diarias, os grises (a Policía Armada) actuaron con contundencia e foron reforzados, o día 14 pola noite, con dúas bandeiras de “especiais” chegadas de Valladolid e 500 gardas civís vidos dos concellos máis próximos. O día 15 de setembro sumáronse ás 13 empresas paradas outras como Frigoríficos Vigo, Unión Cristalera, Flex, Carnaud, etc. E no día seguinte facían o propio Talleres Valiño e Procsa, así como Masso de Cangas e Dreslock en Porriño. A esta altura o conflito abranguía a construción e os centros de estudo secundarios. Uns 25-27.000 traballadores/as en paro. Na mobilización e saltos na rúa destacaría Organización Obreira que xurdiu no ano 1971 dunha escisión das Xuventudes Comunistas opostas ao Pacto pola Liberdade, unha proposta para a transición política entre forzas opositoras e sectores do réxime.

Dado a dureza e o numeroso das forzas represivas medran os activistas detidos e outros pasan á clandestinidade. A partir do día 20 o paro comeza a recuar. O venres 22 a policía carga contra unha concentración de folguistas no edificio de Sindicatos e na rúa do Príncipe as mulleres fan unha manifestación solidaria. Ese día comezan a chegar as cartas de despedimento, unhas 6.000. A folga xeral alongouse até o día 26, cando Vulcano voltou ao traballo. Houbo en total uns 400 despedimentos, ademais dunha morea de detidos e xulgados, así como activistas que fuxiron da cidade e que mesmo marcharon para alén dos Pireneos.

Era evidente que CCOO non valorou axeitadamente a conxuntura política; xa non estaba preparada para este grao de confrontación co réxime, e representar aos sectores máis combativos. CCOO foi a forza de choque, a represión centrouse neles, e estaban as diverxencias internas (a cuestión nacional galega entre outras). Para alén dos suxeitos a situación obxectiva tamén mudou.

O resultado deste conflito laboral nun primeiro momento parecía que serviría para que a ditadura esmagase máis unha vez ao movemento obreiro, porén a realidade social tiña mudado. En moi pouco tempo (a partir de 1975), os paros e manifestacións xurdiron con máis forza e con cadros experimentados na loita antirrepresiva. As folgas de 1972, especialmente a de setembro en Vigo, fixeron evidente o agromar dunha nova xeración de dirixentes sindicais e políticos, e moi especialmente do fortalecemento do nacionalismo galego, tanto no ámbito político como sindical, estudantil, rural, ecolóxico. As folgas axudaron a abrir unha nova etapa.

17 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito