Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A miña amiga Mari

    PARA min, aquella nena, de nome Mari, era una boneta vivinte. Todo nela refulxía. A súa faciana anxelical, o seu peiteado de loiros tirabuzóns, que lle deixaban a frente despexada, a súa roupa recén pranchada, os seus zapatos brilantes. Semellaba un anxo, unha estampa que contrastaba coa fealdade do mundo escuro que nos tocara vivir.

    Porque eramos nenas da postguerra no ferido Lugo de aquela época. Cando a coñecín ela vivía na Ronda dos Caídos, case pegada á muralla, parede con parede con outras compañeiras de xogos e paseos. Eu vivía nunha rúa paralela, moi preto, e acostumabamos a xuntarnos cando as tarefas da escola nos deixaban.

    Ás veces eu facía a posta que se rise para que amosara un buratiño moi gracioso que asomaba cando o facía. E dese xeito ríame eu tamén. Pero a miudo atopábase triste, sen que eu soupera moi ben por que.

    Unha nubrada tarde na que non tiñamos gañas de xogar sentámonos nas escaleiras da miña casa e fixémonos confidencias. Foi entón cando me contou a máis triste das súas aínda poucas vivencias. Cando espertou xunto a súa nai, coa que durmía, e comprobou que esta xa non espertaría nunca máis. Choramos xuntas con aquela terrible lembranza, mollando as noxas blusiñas.

    Os anos pasaron e a vida foi apartando os nosos camiños, reclamadas polos estudos, polo traballo e polo amor. A lonxanía fíxonos perder o contacto. Lei de vida. Pero hai un tempo souben da súa morte e tiven unha fonda sensación de perda, a pesar dos moitos anos transcorridos.

    Unha proba de que as pegadas profundas no corazón non rematan nunca de borrarse. Seguen ahí e viven, aínda que desapercibidas, ata que algo ou alguén fainas espertar. Neste caso, con dor, con añoranza e con melancolía.

    07 may 2020 / 21:52
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.