Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A palabra do ano

    EN chegando o Nadal o mundo faise infantil. Mesmo institucións serias coma as academias da lingua se deleitan puerilmente co xogo de elixir a palabra do ano para lle dar aínda máis culto a tanto lexicismo superfluo, ás palabras como estampitas do idioma, en vez de peneirar outras unidades de máis fartura conceptual e temática, coma o paralexema do ano, a frase do ano, o acto de fala do ano, e así. Aínda por riba as palabras do ano escóllense case sempre por impulso emocional, resultando verdadeiras cacofonías: verbas sentimento e sentimentiño (coma tanxugueiras ou comadre), verbas documento (coma refuxiado), verbas tormento, coma inflación ou estanflación ou deseucaliptización, que son horrísonas. Palabras patéticas sen estética.

    E disque son unha “tropa” (Romanones) de académicos, que en vez de traballar escribindo “dardos en la palabra” (como facía o sabio Lázaro Carreter) para amansar a incultura lingüística dos “cultos”, os que encirran a moda da párvula palabra do ano.

    A min tamén me preguntaron cal me parece a palabra do ano e dixen Aesia. Porque este enfeixado siglario non só recolle o documento do día (a designación de Coruña como niño da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial) e o espírito do tempo (a idolatría tecnolóxica) e mais o horizonte do futuro (o cultivo de abismos), senón que foneticamente veu dar nun fermoso voquible que xa hai quen llo quere poñer de nome a unha filla acabada de nacer.

    Ao lado dos verborrios que nos viñan inflixindo por aquí as novas tecnoloxías -TIC, CITIC, CITIUS, COITUS...-, Aesia resulta un poetismo. E acabará marcando un antes e un despois no que irá quedando atrás o país do pulpo, o polbo e o polvo, e irá vindo unha nova erótica de nación. Xa ben dicía estoutro día don Antonio Rodríguez del Corral (presidente do noso Clúster TIC) que agora Galicia vaise identificar cunha “área de futuro”, vai atraer todiño o talento e vai “ofrecer oportunidades laborais fantásticas”.

    De xeito que se pode dicir que se acabaron “las connotaciones peyorativas de la palabra gallego”, que é a lenda que aínda hai uns días inspiraba ao alcalde de Granada, Francisco Cuenca, rabioso e “mosqueado” por ser Coruña e non a súa cidade a designada para acoller a Aesia. O señor Cuenca ameazou con levar aos tribunais a adxudicación, porque seica o Goberno non publicou o informe técnico coas valoracións numéricas de cada candidatura. Pero ben lle respondeu a ministra namorada (de Coruña), Calviño, cunha frase chea de filosofía (platónica): “Todo se tuvo en cuenta”. Todo vai indo. A vella Gallaecia veu dar na nova GalAesia. E mesmo ao idioma galego (que agora as amas do sistema deixan falar como nos dea a gana) xa lle poderiamos chamar galaesio. A gramática non ten cancelas.

    30 dic 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito