Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A palabra do ano

SECCIONAR o cordón umbilical é, probablemente, a acción máis transcendente na existencia dun ser humano. É como dicir adeus a nove meses de preparación e ola a decenas de anos de retos, incertezas, luces e sombras. O embigo, a primeira das moitas cicatrices que nos agardan, é o perenne recordatorio da nosa liberdade, unha vez independizados do útero nutricio que durante 270 días nos foi modelando ata o primeiro respiro. Velaí a razón de expresións como o embigo do mundo ou, máis graficamente, mirarse o embigo, frases que se refiren dun xeito preciso a crérmonos o centro do universo ou, sensu lato, a considerarmos que os nosos son os principais problemas do mundo, sen reflexionar que, acaso, os problemas do mundo son iguais dende que o mundo é mundo e se reiteran dun xeito bastante aburrido, sen outras variacións que as ditadas polas diferentes circunstancias que cada época presenta.

A antropoloxía cultural ensínanos que moitas tribos primitivas se chamaban a si mesmas os seres humanos, outorgándose a eles propios a exclusiva categoría da humanidade e descoñecendo ou estrañando todo aquilo que saíra da súa contorna (xustiño o que, mutatis mutandis, lles ocorre actualmente aos indepes cataláns). Así é que non existe nada máis consubstancial á nosa condición humana que botar media vida ollándonos o embigo e lamentando a mala sorte, as calamidades, agravios e desastres do noso tempo.

Esa chorrada de seleccionar as palabras do ano, como se daqueles concursos de beleza que organizaba Pepe Garalva se tratara, supoño que asenta na frecuencia de uso e, quero crer, non no valor subxectivo que un conxunto de sisudos académicos lle concedan. Deste xeito, a palabra do ano 22 é, polo visto, dúas: intelixencia artificial, unha matraca que, simplemente, está de moda a base de reiterarse, cando, na verdade, intelixencia e artificial é un combo léxico no que o adxectivo artificial ofende o substantivo intelixencia, un atributo este, por moito marear que se queira, exclusivamente humano. Lembro que un admirador da miña columna comentou unha vez que para entenderme facía falta intelixencia artificial. Abofé, pensei eu, pois probablemente da natural, é dicir, da única, o meu admirador andaba escaso... A última, polo visto, é que unha máquina pode escribir poemas. En fin, esa tecnofilia tan cara á nosa xeración, mitómana e decididamente esaxerada.

Eu, postos a elixir palabra do ano, quedo con unha bastante áspera: crispación. Postos a medir frecuencias, para min que crispación leva a palma. A palabriña non lle sae dos beizos a toda caste de políticos e tertulianos: o pepé culpa da crispación ao goberno de Pérez-Castejón (é que Pedro Sánchez é do máis vulgar) e o pesoe endosa a crispación a unha dereita montaraz. Abascal crispa a Rufián; Rufián a Gamarra; Gamarra a Montero; Montero a Cañizares, e tiro porque me toca. Alsina crispa en Onda Cero; Herrera en Cope; Barceló na Ser e, en EsRadio, Jiménez Losantos aviva aínda máis as lapas a base de pasodobres e soflamas apocalípticas. E medio país crispa o outro medio aproveitando o cálido anonimato de twitter para trousar bile negra, resultado da máis indixesta crispación. Todos crispados. Mentres, o sufrido Juan Pueblo resiste como pode tanta crispación, nacida, como non, de botarmos o dia ollando para o embigo e non ter nada mellor que facer. Que cansinismo.

O embigo dos políticos é unha cicatriz privilexiada. Na súa vida anterior (porque, agás excepcións, case todos os políticos profesionais tiveron unha vida anterior), apenas lembraron o embigo, menos, talvez, probando un pantalón. Pero, en canto chegan, por eses inescrutables camiños do Señor, ao exercicio da política, zas!, o primeiro é adquiriren o firme compromiso de mirarse o embigo cando menos cinco ou seis veces por día.

A humanidade vive crispada dende Atapuerca. Agora ben, nun exercicio colectivo de contemplación do embigo, podemos, en efecto, seleccionar crispación como palabra do ano 2022. E deixa que é fea.

14 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito