Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A pataca de Samuelson

    CADA vez que chega ao mundo unha nova crise económica os pobres reciben un nome novo. Agora chámanse vulnerables. E hai que agradecelo porque a palabra regala un algo así coma de compaixón que alivia un chisco as conciencias acomodadas, que case sempre son “falsas conciencias”, como diría o vello Castilla del Pino (quen se acorda del).

    Ao dicir vulnerables quecemos esas frías perífrases dos economistas, v. gr., “persoas en risco de pobreza” ou “exclusión social” ou “baixa intensidade de emprego”. Nun vulnerable vemos máis o ser humano. Vemos o neno “en busca da pataca perdida”, como ten contado proustianamente o mítico economista Paul A. Samuelson. Sendo el (alá polos anos 30, no medio da Gran Depresión) estudante na Universidade de Chicago, víñalle case todos os días a petar na porta un neno pobre (vulnerable) que lle pedía unha pataca para comer.

    O economista dicía que esta estampa fixérao meditar moito sobre a dificultade de racionalizar a conciliación entre o que a el lle explicaban na facultade e aquela pregunta do cativo: “Pódeme dar unha pataca?”. Samuelson fíxose keynesiano (non de todo) e corenta anos despois gañou o premio Nobel. Agradeceu o que aprendeu de Keynes pero se cadra aínda lle ensinou máis o neno da pataca. Os economistas tamén teñen corazón. Algúns reparan na ferida, ou sexa no vulnus, que de aí vén a palabra vulnerable, tan ben atopada ela.

    Pois nestas horas de guerra, crise enerxética, pospandemia, inflación, pode ser moi aproveitable o simbolismo da pataca, que en todas as culturas e nacións ten gran poder de evocación. Dentro dunha pataca quente está case toda a historia. Diante dunha pataca (podendo ser quentiña) quedan un algo derrotadas –como talvez matinaba Samuelson– todas as metafísicas e teorías económicas (menos o materialismo histórico, claro).

    E, falando de símbolos, o que aínda non temos é a foto icónica desta nosa crise tan poliédrica. A Gran Depresión escolleu a coñecida e conmovedora imaxe de Florence Owens, unha nai nova avellentada pola fame, que se deixou fotografar por Dorothea Lange nun célebre retrato no que tamén aparece algún dos seus fillos. Ela acababa de vender os pneumáticos do coche, e o neno parecía que acababa de vir de esburacar na terra dalgunha veiga veciña na procura dunha pataca.

    Agora, vindo a este noso mundo no que tantísimas fotos facemos por minuto para esquecernos do mundo, resulta que aínda non temos a foto dunha Florence, do seu neno e máis da pataca para honrar, polo menos, a eses 13,1 millóns de vulnerables que por estes nosos reinos temos no presente (mentres bailamos co futuro).

    18 nov 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito