Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A praga das cascudas

    NESTA semana chegoume a través de dúas canles distintas, información relacionada coas cascudas. Si, eses insectos dos que hai 4.000 variedades no mundo, que destacan pola súa gran resistencia pois seica poden vivir ata un mes sen comida, aguantan niveis moito máis altos de radioactividade ca un humano e que conseguiron estar presentes na práctica totalidade do planeta, desde os puntos máis fríos ata os hábitats coas temperaturas máis altas.

    Pois resulta que as cascudas están de actualidade porque enxeñeiros chineses e americanos inspiráronse nelas para deseñaren un modelo de robot semellante a estas especialistas en supervivencia... ou aínda maior, pois as análises que se lle realizaron demostran que a cascuda robot, que pesa un gramo, soporta o pé dun adulto humano sobre el, é dicir, un millón de veces o seu peso e, se o esmagan, resucita e volve reanudar a marcha coma se nada. Unha cascuda irrompible! Imaxinade todo o potencial que atesoura esta cascuda robot.

    Pois na mesma semana en que lin isto, escoitei nunha conversa de cafetería o caso dunha muller que viu “unha cascuda enorme, xigante, pegada no teito da estancia” –recollendo verbas da obra Triángulo inscrito nunha circunferencia de Freixanes– e chamou, totalmente fóra de si, os bombeiros –un compañeiro corrixía o contador da historia e dicía que chamara ao marido–, porque aquel becho negro, monstruoso e noxento a deixara totalmente inmobilizada. Non sabía que facer. Precisaba axuda urxente.

    Aló foron os bombeiros, ou o marido, a todo correr, pensando con que exemplar de fauna caseira se atoparían, para descubriren unha cascudiña que, aínda que fose a variedade australiana coñecida como rinoceronte, non mediría máis de 9 cm. “Ninguén lle debeu contar á mulleriña que non morden, que se as pisas, morren e que non soportan o cheiro a loureiro nin a lavanda”, remataba entre risas o contista que con ese ton que deixaba ler entre liñas o tópico de “histerismo das mulleres” e que alí mesmiño, diante miña, se estaba a converter en cascuda, coma na obra de Kafka ou... Sería ao revés? Unha cascuda convertérase en home como acontece en A cascuda de Ian McEwan, onde unha cascuda se converte no primeiro ministro do seu país? Aiii! Que medo temos a política infestada cunha praga de cascudiñas e, polo que vexo, estase estendendo!!

    Como o meu sentido do humor é moi limitadiño, acabo destacando a gran capacidade de imaxinación e de inventiva que teñen algunhas persoas, sobre todo aquelas que imaxinan, e conseguen, facer realidade robots cascudas inmorredoiros

    11 jul 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito