Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A sanidade no Camiño

SE ten definido o Camiño de Santiago como un “camiño de enfermos” e o propio Codex Calixtinus semellaba confirmalo cando afirmaba que entre os peregrinos abondaban “os leprosos, frenéticos, nefríticos...”, e así ata a enumeración de trinta e dúas doenzas. Ademais, tampouco se pode esquecer que as numerosas epidemias que asolaron Europa desde a Idade Media tiveron nesta vía de peregrinaxe unha canle privilexiada para a súa transmisión, como non hai moito Gómez JM e Verdú M (2017) puideron demostrar para a Peste Negra.

E aínda que sería moi plausible pensar que as dificultades do Camiño, a desnutrición dunha boa parte da poboación e as crenzas nunha milagreira curación xustificaran unha maior presenza de doentes e tolleitos neste roteiro, non hai datos, polo momento, que poidan confirmar esta hipótese. E se pensamos na actualidade do Camiño, o aspecto louzán dos peregrinos, mesmo dunha certa idade, certamente non induce a imaxinar que a “mala saúde” sexa unha cualidade particular dos que transitan hoxe en día por esta senda.

O que si non ofrece dúbidas son as atencións sanitarias prestadas no Camiño de Santiago nos numerosos hospitais e boticas monásticas que ao longo do tempo foron xurdindo nel, ata chegar ao grandioso Hospital Real da capital xacobea, suma e culminación de todas as atencións que os camiñantes recibían neste roteiro. Como tampouco se podería dubidar dos intercambios de información e remedios sanitarios que se establecían entre os peregrinos nese fluxo de cultura (médica e de todo tipo) que desde sempre caracterizou o Camiño. Así mesmo, tamén se pode pensar que sanitarios de prestixio que chegaron a Santiago das mellores escolas médicas do momento, como era a de Salerno, ou nomes indiscutibles como Müntzer de Nuremberg ou Paracelso, puideron deixar unha determinada pegada científica, hoxe moi difícil de rastrexar e demostrar.

Pódese afirmar, despois de todo o que se leva estudado sobre este tema, que a sanidade no Camiño é un xeito de compendio da historia da medicina na que se pode seguir cun certo detalle como os diferentes sistemas médicos (galenismo, iatroquímica, vitalismo, etc.) foron aplicados, sobre todo nos establecementos asistenciais creados prioritariamente para peregrinos. Segundo avanzaba o século XX coa aparición da actual sanidade pública e privada en todos os países do traxecto, foron os dispensarios, clínicas, sanatorios e outras institucións dependentes delas, os que finalmente rematon por ocuparse da asistencia médica dos peregrinos xunto co resto dos cidadáns, dos que non os diferenciaba ningún privilexio.

O que supuxo un feito sanitario sen precedentes nesta historia, sobre todo pola súa dimensión e radicalidade, foi o parón que a covid-19 introduciu no fluxo cada vez máis importante das persoas que estaban a percorrer o Camiño, pois das case 350.000 que o facían no 2019 pasouse as 54.000 do 2020 e, mesmo nos meses máis agudos da pandemia, chegouse a interromper na súa totalidade. Algo que non sucedera nin nos tempos máis negros da Peste.

No ano actual, felizamente, os números semellan estarlle a devolver de novo ao Camiño a súa popularidade. Pero ao par dos datos cuantitativos, que ninguén lles nega a súa importancia, aconteceron tamén cambios moi sensibles nas relacións que practicaban os peregrinos e que para moitos supoñían unha das esencias do Camiño. Os polacos Roszak P e Huzarek T, nun traballo publicado o mes pasado na revista Religions, sinalaban que o camiñante a Santiago viuse afectado por moitas restricións sanitarias que afectaron seriamente aos intercambios espirituais e culturais entre peregrinos e destes cos habitantes da contorna. De ser un “solidario” pasou a ser un “solitario” e as diferentes formas de empatía que transmitía a proximidade do outro remataron por derivar na sospeita e no afastamento. Esperemos que a recuperación do número de camiñantes supoña tamén a volta das esencias relacionais deste roteiro.

Estamos xa na Semana Grande que, coa feliz expresión de Castelao da súa Alba de Groria, terá o seu colofón cando o reloxo da catedral anuncie “un novo día” e de seguido comece “unha muiñeira de campás, repinicada nas torres do Obradoiro” para convocar aos peregrinos do mundo que chegarán para este singular e santo día. Persoas que como todas as que os precederon desde que o Camiño existe procuraron, por moi diversas vías, atoparse a si mesmas, manter a saúde e conseguir un mínimo conforto no seu incerto e axitado vivir. Algo especialmente oportuno para estes, case apocalípticos tempos.

Bo Día do Apóstolo 2022 para todos, co desexo de que este ano remate moito mellor do que comezou.

18 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito