Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A violencia contra as mulleres

    ESTE domingo, día de mercado en Padrón, batín no centro histórico da vila con escaparates que lucían os debuxos feitos por nenos e nenas de Infantil e Primaria nos obradoiros pola Igualdade que leva organizando desde o mes de outubro o CIM Terras de Iria con alumnado de escolas da zona. Debuxos sinxelos e esquemáticos que transmiten á perfección algunhas das emocións vencelladas á violencia, como a soidade e a tristura, que os pequenos e pequenas representaron con caras tristes e bágoas; nalgún caso, ríos de bágoas que chegaban a formar pozas de cor azul intensa no chan.

    Emotiva, fermosa e necesaria iniciativa que nos anunciaba xa o 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller e, aínda que non é a primeira vez que trato o tema, non quero deixar pasar esta semana sen dedicarlle catro liñas máis.

    Concellos, asociacións diversas, medios de comunicación, partidos políticos, gobernos, educadores, estudantes... todos suman esforzos para organizar manifestos, informacións e numerosas actividades para sensibilizar sobre este grave problema, que ano tras ano, suma vítimas.

    Trata de mulleres, mutilación xenital, acoso, violencia sexual, económica, psicolóxica... Estamos a falar de graves violacións dos dereitos humanos, que afectan ao 70 % das mulleres de todo o mundo.

    Por un lado, coido que todos estaremos de acordo en que se van notando cambios tanto no discurso público como no xurídico pero que non se traducen en cambios na sociedade. Ás veces, cometemos o erro de pensar que a violencia contra a muller e a súa dignidade só acontece en países onde, xuridicamente, se favorece a dominación masculina pero, evidentemente, enganámonos pois dita violencia tamén se exerce en países que presumen de contar con lexislacións onde xa se recolle a igualdade xurídica de ambos os sexos como é o noso e, desde logo, tamén se constata que as medidas policiais e xurídicas son insuficientes para frear esta lacra tendo en conta os casos de agresións e de mortes que se rexistran cada ano.

    Por outra parte, cómpre recalcar a importancia da educación para promover ditos cambios e así se recolle na mesma declaración de dereitos humanos, onde se indica que se debe eliminar “todo concepto estereotipado dos papeis maculino e feminino, en todos os niveis e en todas as formas de ensino, mediante o estímulo da educación mixta e doutros tipos de educacíón que contribúan a lograr o obxectivo”. Malia estarmos no bo camiño, queda unha longa e complicada viaxe por diante.

    25 nov 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito