Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A vocación do servizo público

    A vocación do servizo público e a contraposición daqueles que non moven un dedo sen gañar cartos. A corrupción na vida política demostra como algunhas persoas utilizan os cargos e postos que terían teoricamente que ser para persoas cunha vocación de servizo público para roubar cartos públicos e enriquecerse co que é de toda a cidadanía.

    Lembro a cabeceira da antiga revista do “Movemento Comunista” (onde eu nunca militei), que me gustaba moito, chamábase “Servir al pueblo”. Un nome axeitado para ser utilizado por unha organización política. Porque precisamente diso ten que tratar a actividade política, de servir o pobo e non de servirse del.

    A grande cantidade de xente que está demostrado que se dedican a actividade política para servirse, para facer corruptelas, para beneficiarse persoalmente, demostra que na actividade pública non sempre están os que queren servir o pobo, que tamén están os que queren servirse do pobo para o seu interese persoal.

    Pódese servir o pobo dende a actividade política, dende o mundo asociativo, dende unha ONG ou dende un sindicato.

    Tamén se pode servir o pobo aportando os teus coñecementos para beneficiar o conxunto da sociedade, como é o caso nesta pandemia dos médicos xubilados que se prestan voluntarios para axudar en centros de saúde ou hospitais.

    Diso tería que tratarse todo tipo de actividade pública, de servir o pobo, de aportar á sociedade e non de enriquecerse persoalmente con cartos.

    Dentro da nosa sociedade hai un vello debate que é o de si na actividade política as persoas que están a exercer cargos institucionais deberían cobrar ou non. Neste caso eu son dos que pensa que as actividades institucionais deben ser remuneradas por unha razón: se non se cobrase da actividade institucional unicamente poderían dedicarse á vida política aquelas persoas que teñen moitos cartos, que non precisan dun salario mensual, os que chamamos os millonarios.

    As persoas que non teñen recursos económicos para facer un traballo que ocupe a súa xornada laboral sen cobrar, tamén teñen que ter posibilidade de ocupar cargos públicos. É de xustiza social.

    O problema vén cando un non se conforma co seu salario legal e se corrompe, non cando un se limita a cobrar o que legalmente lle corresponde.

    Así pois, a actividade pública penso que ten que facerse para servir o pobo, e que todos os sectores sociais teñen que ter a posibilidade de participar nela.

    24 ene 2021 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito