Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A voltas co clima

EN artigos anteriores escribín acerca dos informes precedentes da sexta avaliación do Panel Internacional sobre o Cambio Climático-AR6: As bases científicas (agosto do 2021) e Impactos, Adaptación e Vulnerabilidade (febreiro do 2022). Agora comentarei o último sobre Mitigación, presentado o 5 de abril pasado. Aínda que en todos eles se atopa a información que recolle os consensos acadados pola comunidade científica sobre este transcendental tema, teño que recoñecer que os milleiros de páxinas deste documento pouco achegaban ao xa dito nas anteriores avaliacións, pois unha vez máis volvíase insistir na gravidade do problema, na urxencia das medidas que cómpre desenvolver e na responsabilidade dos procesos xerados polo consumo de enerxía como orixe fundamental do problema.

Só as referencias a que o crecemento dos gases con efecto invernadoiro se estaba a retardar no período 2010-2019 e que o prezo das enerxías renovables baixaba máis dun 85% supoñían algunha novidade, o demais, sinto afirmalo, sonaba como déjá vu. O mesmo que ocorría coa teima de que ao adoptar as medidas recomendadas para a mitigación , “todos resultabamos gañadores”, ignorando os sacrificios e dificultades certas que se están a xerar con estas decisións nas poboacións menos favorecidas.

Pero o que máis me chamou a atención foi que o comunicado de prensa no que se presentou o informe, non había ningunha referencia á guerra de Ucraína e ás súas máis que probables repercusións na economía mundial e, como consecuencia, na loita contra o cambio climático. Comprendo que nos documentos técnicos, elaborados con bastante antelación, non se considerara esta cuestión, pero non facelo o día no que o IPCC tivo a presentación do seu informe, corenta días despois do comezo da invasión, paréceme inxustificable. Entre outras cousas, porque o papel de Rusia, que é o cuarto país contaminador da atmosfera, vai cambiar, con toda seguridade, neste concerto internacional.

Antes da guerra, Rusia era un dos 195 países que asinaran o Acordo de París sobre o Clima e, aínda que as medidas que anunciou eran cualificadas como “claramente insuficientes”, non semellaban ofrecer dúbidas sobre o compromiso cos principios básicos que debían desenvolver. Mesmo chegaba a sorprender que Putin, un recoñecido negacionista climático antes do 2015, liderara e defendera estas decisións, que os mal pensados xustificaban nunha procura de prestixio na esfera internacional e, sobre todo, polos graves problemas que estaban a provocar no país os 18 millóns de hectáreas queimadas en Siberia (tres veces a superficie de Galicia!) e as serias inundacións do sur, atribuíbles polos seus propios expertos ao cambio climático.

Por outra parte, o declarado enfrontamento do ditador eslavo cos países occidentais, que mesmo nos lembra unha colisión entre civilizacións, non semella ser o mellor horizonte para que despois da guerra se aliñe co resto das nacións, sobre todo da UE, que están a levar o groso desta loita contra o cambio climático. Máis ben habería que pensar en que pasarían a ocupar un lugar preferente os vellos argumentos que xustificaban que un incremento entre 2-3 graos da temperatura do planeta xerarían máis beneficios que dificultades a Rusia, pois facilitarían unha maior navegabilidade das augas árticas cara ao Pacífico que, xa nos últimos tempos, experimentaron un crecemento do 350%, e os territorios da zona boreal, hoxe parcialmente conxelados nos invernos, pasarían a ser terras moito máis produtivas. Queda algunha dúbida do lado ao que se inclinaría a balanza do insolidario sátrapa ruso?

Os informes do IPCC son un dos logros máis salientables destes tempos na colaboración científica internacional, pero tamén habería que sinalar que ás veces caen na ilusión de que os feitos científicos demostrados poden ser aceptados sen máis pola súa propia bondade, obviando as serias dificultades que pode ter en moitos casos a súa aplicación nunha sociedade convulsionada por moi serias tensións xeopolíticas.

Especialmente en situacións como a actual, na que o necesario cambio no modelo enerxético daría orixe a múltiples efectos que estarían a mudar fondamente uns xeitos de vida e costumes aos que, en boa parte e dolorosamente, teríamos que renunciar. Dulcificar estes problemas non semella ser a mellor alternativa.

28 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito