Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Carta aberta a Don Caetano Díaz

Abandonemos o odio, apostemos pola solidariedade e agarrémonos á vida

Benquerido amigo: O libro de Zizek, Pandemia, que vostede nos recomendou nunha das súas cartas, xeroume un certo optimismo. Zizek resalta nese libro a concepción do amor de Cristo e ofrécenos como solución para saír desta crise a aposta pola SOLIDARIEDADE. Nisto coincide con outro pensador que dende unha posición diferente fai a mesma chamada, Peter Sloterdijk.

A SOLIDARIEDADE, A ÚNICA PROPOSTA POSIBLE DENDE A RACIONALIDADE

A SOLIDARIEDADE, con distintos matices, é a proposta dos grandes pensadores ante esta grave crise. SLOTERDIJK exemplariza esta solidariedade co concepto de COINMUNIDADE que sería o compromiso individual dirixido á protección colectiva que marcará a nosa nova maneira de estar no mundo. Por iso, Sloterdijk apela a unha declaración universal de dependencia: Se todos dependemos de todos, temos que salvarnos todos xuntos. Para ZIZEK a solidariedade tradúcese nunha mellora de vida para todos que se concreta, como vostede nos explicaba nunha das súas cartas, nun camiño cara o que, cunha boutade provocadora, chama o COMUNISMO. As boutades de Zizek nunca son inocentes. Neste caso lémbranos que medidas coma a do Ingreso Mínimo Vital acordada polo noso goberno ou proposta polo mesmo Trump, son medidas que no seu tempo só reclamaron os partidos de esquerda por iso, insiste Zizek, a pandemia ten unha dimensión revolucionaria.

A MENSAXE DE CRISTO COMO REVULSIVO DENDE A PURA RACIONALIDADE No noso país non estamos acostumados a analizar a mensaxe de CRISTO dende a racionalidade e como se tivésemos medo de que unha vixilante deusa razón puidese sublevarse celosamente contra esa ousadía. Pero este non é o caso de Spinoza nin o de Zizek porque os dous sempre recoñeceron abertamente a forza da mensaxe de Cristo.

Zizek citará nas primeiras liñas de Pandemia, para mostrar a concepción do amor de Cristo, practicamente o mesmo texto do Evanxeo de Xoán que Spinoza menciona na carta XXXVIII a A. Burgh onde analiza a idea da xustiza e da caridade na mensaxe de Cristo:

Cristo respondeulles que el estaría alí onde houbese amor entre os seus crentes. Non estaría coma unha persoa que puidese ser tocada senón coma un vínculo de amor e solidariedade entre a xente. Pandemia

Si, repito con Xoán, é a xustiza e a caridade que son o sinal máis seguro, o único sinal da verdadeira fe católica: a xustiza e a caridade son os verdadeiros froitos do Santo-Espírito. Onde elas se atopan alí está Cristo e Cristo non pode estar onde elas xa non están. Carta a A. Burgh

Mensaxe dunha enorme forza e na que Spinoza e Zizek coinciden dende a pura racionalidade. O profesor Abraham Rubín sinala nun acertado texto, respecto destas opinións, que nesta visión Cristo encarnaría o vínculo de unión entre todos facendo que todos se sintan afectados pola situación dos outros, e sentíndose tamén parte dunha Comunidade. Esta mensaxe solidaria, estará de acordo comigo, que tamén a podería asumir un home de fe coma o Papa Francisco ou outro home de fe e de corazón, o meu amigo don Manuel Puñal, que me lembrará que Cristo era moito máis que un gran pensador. Neste caso non estamos a argumentar no campo da fe senón no da pura racionalidade. Teño a esperanza, don Caetano, de que esta mensaxe de Cristo no momento que estamos a vivir non nos deixará indiferentes.

A pesar desta unanimidade de proposta dos grandes pensadores a crispación fomentada no noso país por un sentimento de odio primario e irracional impide accións que poidan favorecer un proxecto colectivo solidario.

SPINOZA OU A RAZÓN COMO O ANTÍDOTO CONTRA O ODIO. A forza dos Sentimentos. Estes días, Mariam Martínez-Bascuñán, profesora na UAM, refiríndose a Hanna Arendt e ao momento de crispación que estamos a vivir insistía na importancia dos sentimentos no marco das adhesións ás ideas e aos partidos políticos. Para Spinoza, o gran estudoso da afectividade, o que nos une a calquera obxecto de amor xa sexa unha persoa, unhas ideas políticas ou un club deportivo é sempre un sentimento moito antes que unha decisión racional.

Imos visualizar con dous exemplos a forma de actuar dos Humanos segundo Spinoza. Esperemos, don Caetano, que ese excelente profesor de filosofía do Rosalía, que é don Manuel Lama, poida regalarnos un aprobado. O primeiro atopámolo en Á la recherche du temps perdu de M. Proust que pode considerarse un libro plenamente spinozista. De aí poderiamos sacar moitos exemplos pero fixarémonos no máis significativo: Charles Swan, o protagonista da novela namórase da “demi-mondaine” Odette de Crécy, que non é o seu estilo de muller, pero evócalle un cadro de Boticelli que el adora. As súas relacións empezaron por un erro moi habitual, a fixación do desexo de Swan nun obxecto inadecuado.

O segundo exemplo, unha historia mil veces repetida: o noso amigo Xoán está perdidamente namorado de María. María ten unha voz encantadora parecida á dunha tía de Xoán, dona Xosefa que Xoán adoraba, pero María só se parece niso a dona Xosefa. A emoción que a Xoán lle produce a voz encantadora de María vai traducirse nun forte sentimento de amor. Pero a realidade é que como María non se parece en nada a dona Xosefa excepto na voz a historia de amor termina en fiasco. De todo este proceso Xoán non é consciente en absoluto, tampouco o era Swan. Ser capaces de chegar a coñecer o elemento que provoca a emoción, “ese resto perdido”, o cadro de Boticelli ou a encantadora voz de María, non é fácil incluso no marco dunha relación terapéutica como nos sinala o doutor Federico Menéndez, psiquiatra da Escola de Lacan. Así, empezan moitos dramas pasionais que torturan os Humanos. Cos partidos políticos e cos clubs deportivos sucede o mesmo e prodúcese a miúdo unha unión fusional, pasamos de “ter determinados sentimentos a ser eses mesmos sentimentos”. Un penalti mal pitado ou unhas declaracións inoportunas do presidente do Madrid ou do Barça ou de dona Cayetana Á. de Toledo ou de don Pablo Iglesias, e a Tormenta Perfecta está servida, a virulencia dos sentimentos de amor e de odio dispárase, os sectores supercontaxiadores entran en acción e estamos nunha situación de fin do mundo chea de crispación.

A forza da Razón

Que podemos facer? Spinoza sempre tivo como preocupación principal buscar a liberdade da persoa tanto no marco da cidade coma respecto dos sentimentos e das paixóns. Para liberar os Humanos da servidume ante os sentimentos, a Razón deberá esforzarse en primeiro lugar por comprender o sentimento. O simple feito de comprender racionalmente como se orixinou e como funciona eliminaralle pouco a pouco a súa intensidade, a súa virulencia: Un afecto que é unha paixón deixa de ser paixón tan pronto como formamos unha idea clara e distinta del. (Ética V, p.III, na excelente presentación e tradución ao galego da USC) Coñecendo as causas dos sentimentos estes cambian paulatinamente coma nun proceso terapéutico, o que nos permitiría finalmente vivir nunha convivencia razoable. Grazas a esta comprensión, por exemplo, os afeccionados do Celta seguirán amando o seu equipo pero con menos intensidade, dunha maneira que xa non é fusional, e odiando pouco os do Deportivo. Sería a pequena vitoria da razón sobre os sentimentos, a súa conversión en sensatos. Spinoza anuncia o pensamento de Freud con tres séculos de antelación.

A modo de CONCLUSIÓN compartirá comigo, don Caetano, que Spinoza segundo o que acabamos de ver non se sentiría orgulloso dos responsables políticos da Holanda actual pero tampouco dos da súa Sefarad-Epaña, que é capaz de trasladar ás Institucións Europeas a dinámica de crispación que estamos a vivir ignorando as consecuencias nefastas que esta forma de actuar pode ter para o noso futuro. Sentiríase moi satisfeito, non obstante, do país do que herdara o seu nome Bento e a súa lingua, Portugal.

A RAZÓN será, sen dúbida, un remedio eficaz contra o odio. Por outra parte, a SOLIDARIEDADE ACTIVA de toda a sociedade a nivel mundial proposta polos grandes pensadores, de Cristo a Zizek, permitiranos afrontar crises coma esta con certo optimismo.

Finalmente, debemos aceptar que en maior ou menor medida o virus do odio irracional estendeuse entre todos nós. Recoñecelo, diría Spinoza, talvez sexa a maneira de librarnos del e empezar a reconstruírnos con propostas coma as de Antón Costas de crear un Fondo nacional para o pleno emprego que eliminaría posibles connotacións humillantes das axudas e favorecería a integración activa na sociedade, ou a de Victor G. Pin que suxire outro modo de abordar a terceira idade, cos coidados necesarios, pero facilitando unha verdadeira participación activa dos maiores na vida da Cidade o que probablemente evitaría que o drama das residencias acontecese. Propostas de dous profesores de orixe galega que van no sentido do que con Spinoza, don Caetano, consideramos unha vida humana, activa, creativa, dotada de racionalidade e alonxada do virus do odio.

O meu soño probablemente coincida co seu: Abandonemos o odio, sexamos activamente solidarios e agarrémonos á vida !

Saúdos moi cordiais. Foi un pracer. Siga interpelándonos.

28 jun 2020 / 02:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito