Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Acendendo palabras

    NESA moda, que case non o é a forza de repetirse, por salientar as verbas do ano, teño eu a arroutada de lembrar palabras amoreadas na terra ignota que é a memoria particular de cada un. Acompañantes sen telas elixido que se fan ver en momentos de balance. Os por que de tales palabras e non outras sería asunto difícil de determinar, quizais non hai unha razón causal. Ao mellor foron os momentos e non as verbas en si.

    Miña nai, coa súa fondura galega, é muller de fórmulas indirectas, apenas utiliza imperativos. Mais fartábase de corrixir sen paliativos cando nos escoitaba dicir cuspe: “Non se di cuspe, dise saliva!”. Complicado asegurar os motivos reais de tal emenda. Aínda que hoxe ela mesma cre que quizais se debía á carga agresiva e sucia que era o cuspir dos homes xogando ás cartas no café dos meus avós. Unha práctica social malsá, tamén a de cuspir, que cargaba de connotacións noxentas a palabra.

    Cando a miña prezada Marité, a nosa primeira mestra en párvulos, comentaba aos pais “a nena é moi curiosa”, non as tiña todas comigo. Receaba de se sería positivo ou negativo. Certo que na miña casa curiosa significaba ‘ser ordeada e limpa nas tarefas’, pero tamén escoitaba que non se podía ser curiosa, nen indiscreta ou cotilla. Ao ir medrando fun peneirando o preguntar, non fose que a curiosidade levara a confusión. Era como unha espiña na pel que alertaba de que mellor estares calada.

    Había sobre todo dúas palabras que daban medo: candonga e casalandreira. Esta última como formación popular que suxire o costume de andardes nas casas de fóra. As rapazas candongas eran lerchas e nada serias no traballar: moi aparentes e superficiais, non eran de fiar. As casalandreiras iban e viñan con contos e cubilladas dunhas casas ás outras: sempre afeitas ás amizades enfrontadas e aos pousos de poder confidencial.

    Na adolescencia impactábame a narrativa latinoamericana non só polo caos regulado das persoaxes en marcos desordeados de espazo e de tempo, senón tamén polo léxico apreciativo xenuíno de Hispanoamérica. En novelas como La casa verde (1966) de M. Vargas Llosa ou La muerte de Artemio Cruz (1962) de C. Fuentes había, entre todas, unha palabra, metiche, que aínda hoxe trae resóns de momentos de lectura. Metiche: un xeito moi concluínte e ata certo punto mitigante de dicirlle a alguén que deixe de fisgar e de ser entremetido.

    A Lingüística británica, que ten un selo de seu ao non teimar na gramática para si enfatizar a relevancia das prácticas verbais dos falantes, outorga importancia capital á linguaxe valorativa. Hai toda unha corrente de pesquisa centrada nas maneiras de expresar a stance: como é que todos nós tomamos posicións avaliativas ante o que imos dicir.

    As intencións de miña nai axustan unha interacción lixeira e afable, por isto non usa imperativos e fuxe de palabras con connotacións agresivas. A presenza abondante de palabras apreciativas (negativas ou positivas) descobre un sistema de valores que enxuíza certos costumes: é unha imaxe da psicoloxía social da comunidade que usa esas tácticas.

    O informático canadense D. Roy, director no afamado MIT (USA) do Center for Constructive Communication, desenvolve nos seus equipos de investigación proxectos de rastrexo en twitter de palabras e xeitos de dicir avaliativos que son sintomáticos do grao de xenreira e de enfrontamento en sociedades polarizadas. As Social Machines que deseña Roy focalizan o protagonismo e a pertinencia da posición adoptada cando nos comunicamos. A mentalidade de cada quen faise patente nos xeitos de interaccionar, e acentúase nas sentenzas breves e rotundas requeridas nas redes sociais electrónicas.

    05 feb 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito