Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

‘Adeuses’ políticos

    RECORDO unha anécdota que sempre me contaba un membro da Corporación municipal de Santiago cando viña aos estudos de CorreoTV. Falaba dun taxista abraiado porque varios concelleiros de distintos partidos compartían vehículo para trasladarse a un debate nun medio de comunicación. Aquel condutor sorprendíase de que tralo telón político puidera haber persoas botando unhas risas ou conversando de calquera cousa mentres se dirixían a contrapoñer ideas ao redor dunha mesa.

    Moitas son as historias que eu mesma teño contado e escoitado con alcaldes, líderes da oposición ou edís que cada semana se sentaban comigo para tratar os asuntos de actualidade local. E é que, pasar pola sala de maquillaxe, agardar a colocar luces e cámaras ou fixar planos, dan para moito. Eu sempre pensei que para moito máis que cando comezamos a gravar. É un tempo de espera amable, cercano, no que non importa quen somos, onde falamos da familia, os amigos, as afeccións ou o que nos pasou onte na rúa. O mesmo pasa cando se apagan as cámaras. Somos simplemente persoas, á marxe de todo.

    Hai tempo que veño asistindo con certa nostalxia, quizais porque son unha sentimental, á marcha de Raxoi desas persoas coas que non ía tomar café pero case. O último en despedirse foi Martiño Noriega, ata agora á fronte de CA. Antes foron deixando o seu sitio Agustín Hernández por parte do PP, Paco Reyes no PSOE e Rubén Cela no BNG. É como cando cambia un equipo de fútbol por mor das baixas e das altas. Sería mellor ou peor, ou quizais non era tan equipo, pero foi o meu equipo durante unha boa época.

    Martiño miroume unha vez en plena sala de prensa unha ferida que me fixen ao caer da bici. Rafa Peña (edil que tamén se vai) tiroume na fonte de Praterías hai anos nun ascenso da nosa Esedé. Paco contábame as pelis de Star Wars, aínda que eu non son entusiasta. Hai moito que non o vexo. Agora tócame seguir a evolución dos nenos de Rubén nas redes sociais. Agustín sempre me preguntaba polo Compos. Aínda o atopo polo Preguntoiro a miúdo como se fora na Pedestre. Espero que nos vexamos nos bares ou nas rúas, mellor que nos médicos.

    18 jul 2020 / 01:27
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.