Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Adhesión inquebrantable a San Bieito e San Andrés

    SEMPRE tiven pouca confianza nos santos e menos aínda con eles. En realidade só tiven trato con un, breve e nada intenso, tan só protocolario, recente aínda, pois sucedeu cando o santo en cuestión viu a Compostela, hai uns anos, pra se encontrar con medio millón de mozos, vidos de todos o mundo. En realidade daquela non era santo, senón tan só papa, pero xa ía camiño de selo. Creo recordar que, por parte da miña avoa materna, hai algo que se lle parece, pero que non o é de todo. Trátase dun beato. Non creo que chegado o caso a súa intervención me poida valer de moito. Non o coñecín. Só sei del un dos seus apelidos: o da miña avoa.

    Se teño pouca confianza cos da familia imaxínense a que poida ter coa pleiade deles que pululan polos calendarios. Só con recordar o feixe de santos e asimilados que figuraba en cada unha das follas dos tacos do Sagrado Corazón que había na casa da avoa que xa dixen, follas que había que ir arrincando, día a día, pero que eu tendía a ler de moitas en moitas, pois traían chistes e anécdotas no seu dorso que entretiñan as mañás de non poucos dos meus solitarios días da nenez; só con iso, entenderán o que lles digo. Non me fío deles, menos se me poño a cismar en que, por xunto, compoñen un politeísmo que me supera a maiores de abraiarme.

    Sen embargo hai dous santos polos que sinto unha estraña simpatía, mesmo diría que certa adhesión inquebrantable. O primeiro deles é San Bieito, o San Bieito con toda a barba, aquel que se venera na igrexa que está baixo a súa advocación no alaricano Campo da Barreira. A adhesión chégame por vía paterna; ou sexa, que é xenética e indestrutible.

    Ademais San Bieito libroume das moitas verrugas que tiña nas miñas mans de neno. Pedinllo que o fixera pois estaba eu farto de mordermas e de que volveran agromar de novo cada vez que conseguía ilas reducindo a forza de roer e roer nelas. A cambio ofrecinlle un litro de aceite. Aínda llo debo. Pero non me atrevo a levarllo non vaia ser que me volvan as verrugas, algo moi probable a estas alturas da vellez.

    O outro santo do que lles falo como excepción das miñas teimas e crenzas e San Andrés, o de Teixido, naturalmente. Primeiro porque por Allaríz pasaban, non sei se aínda o fan, todos aqueles que non tendo indo de vivos o teñen que facer de mortos, incorporados á vida nos corpos de pintegas, sapos, culebras, lagartos, ras e algúns outros reptiles que sempre pasan por Allariz onde, por certo, se celebraba (ou celebra) unha anual xuntanza de bruxas de fecha sen determinar.

    A maiores este San Andrés o relaciono eu moito có St Andrews escocés, tamén apóstolo de El Señor, cuxa peregrinación se viu embaixo e houbo que substituíla pola vixente en busca da tumba do noso señor Sant-Iago que, non é por nada, pero supera con moito ó escocés, na súa condición canónica, por moito que na súa cidade se inventara ese xogo do golf, hoxe tan propio de snobs e xubilados definitivamente ociosos.

    E aínda hai outros a maiores. Se eu non me equivoco, este San Andrés da miña devoción, tamén sufriu martirio. Crucificaron nunha cruz en forma de aspa, a dende entón chamada Cruz de San Andrés, e nela pasou dous días sen morrer predicándolles ás xentes as verdades nas que el cría.

    As crónicas afirman que durante esas corenta e oito horas, transcorridas antes de que San Andrés espernexase, pasounas o santo predicándolles a vinte mil persoas mentres estas contemplaban a súa agonía sen se inmutar pra nada. Tan ben debía falar o probe do santiño, tan embelesado debeu ter ó seu numeroso auditorio, que a ningún dos alí presentes se lle ocorreu botarlle unha man e liberalo. Xa tiña que ser elocuencia da boa a do santo hoxe xa escocés. O dos bois da Raíña Lupa non é nada posto a carón de embelezo dunha oratoria prodixiosa.

    Sen embargo os galegos non gañaremos en elocuencia, pero en bruxas e asimilados, en trasnos, curuxas, mouchos, corvos e outras especies voadoras seguro que gañamos por goleada. De aí debe vir o meigallo que afundiu ó Dépor tan no fondo onde hoxe está ou ó Compos que non da levantado o voo. Encomendémosllo a San Andrés, visto que Sant-Iago non nos está a valer de moito. Ou a San Bieito, claro, que o temos ben máis perto e, a maiores, élles moito máis milagreiro que o San Bietiño de Lérez.

    22 oct 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito