Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Alcarràs

    O primeiro que cabe dicir de Alcarràs, de Carla Simón, gañadora do Oso de Prata de Berlín e recentemente estreada, é que se trata dunha película espléndida. Non tanto polo que narra -que tamén- senón moi especialmente pola maneira de facelo. En primeiro lugar, transmite a mesma tenrura que xa aparecía na súa primeira obra, Estiu 1993, cunha maxistral dirección dos nenos e nenas que as protagonizan, capaces de condicionar a presenza dos adultos que os acompañan. En segundo lugar, pola simultaneidade de accións grazas a un intelixente emprego dos sons: un fío nas bocas dos personaxes que vemos e outro en off que actúa a modo de ambiente de fondo ou ben de segunda acción, ás veces máis determinante que aqueloutra que aparece en pantalla.

    Alcarràs é unha demostración palpable daquel axioma (empregado por Vicente Risco pero mal) de que non hai cousa máis universal que o autenticamente local. Poderíamos resumir o argumento na situación dunha familia que ten que deixar os seus cultivos cando os propietarios legais das terras pretenden destinalas a parque fotovoltaico. A acción sitúase na vila que dá nome ao título, situada no occidente da comarca do Segrià, xa no límite con Aragón.

    Pero esta película non é un canto á Cataluña (valería calquera outra terra) rural, vista de maneira bucólica por calquera urbanita cansado de tanto cemento. Porque por riba de todo, Alcarràs é a historia dunha familia, que como calquera outra responde a aquela observación de Dostoievski no inicio de Anna Karénina: “Todas as familias felices parécense unhas ás outras pero cada familia é infeliz ao seu xeito”. Unha familia`, os Solé, prisioneira dela mesma e da súa traxectoria, encetada cando despois da guerra civil, pola protección que outorgaron aos Pinyol, recibiron de estes o permiso para cultivar unhas terras da súa propiedade. Un permiso pactado verbalmente e que o herdeiro dos propietarios considera esgotado perante a tentación dos beneficios que lle dará a instalación de placas solares.

    Unha familia que oscila entre o inmobilismo do padrí (avó), continuado con dúbidas polo seu fillo e xa descontrolado polos netos adolescentes. Unha situación crítica por culpa daquela confianza dos subalternos verbo dos propietarios, vixente cando unha encaixada de mans valía máis que calquera papel asinado nunha notaría. Que ao cabo, os notarios cobran e os acordos verbais son gratuítos. E ao ser unha cesión de usufruto e non de aluguer, non hai un retorno económico que outorgase dereitos.

    Pero esta película tamén unha evidencia das miserias seculares do campo catalán. Por exemplo, a ausencia de comercialización específica da froita cunha denominación específica e canles de venda á marxe das grandes superficies (os contedores nos que gardan os pexegos na película pertencen a unha cooperativa que desde hai un tempo está en liquidación).

    Alcarràs é unha vila coñecida por Carla Simón porque pasaba veráns cando era nena. A paisaxe do Segrià inscríbese na chaira elevada que domina a provincia de Lleida que polo leste comeza na Panadella e prosigue ata a serra de Alcubierre, nos Monegros oscenses. Terras chas salpicadas por pequenas elevacións rochosas, chamadas tossals (en catalán) e tozales (en aragonés). Terras cuxos habitantes, falen catalán ou castelán de base aragonesa, comparten fenómenos lingüísticos como -á maneira do galego- eliminar o <r> final dos infinitivos se van seguidos de pronome persoal (cat. <menja’l>, ar. <comelo>).

    Terras tradicionalmente de secaño que pasaron a regadío grazas aos canais que reconduciron as augas dos ríos Gállego (Aragón) e Éssera e Segre (Cataluña). Que pasaron de cultivar trigo e cebada (velaí a presenza de industrias fariñeiras) a facelo con millo (para alimentación dos porcos das novas granxas), forraxe (controlado por Emiratos Árabes Unidos) e froita (pexegos, nectarinas, mazás, peras). Terras, co límite do Cinca, que non cabería situar na España baleira xa que gañaron habitantes considerablemente nas últimas décadas.

    E o emprego da variedade occidental do catalán é outro dos elementos fundamentais de Alcarràs. Pero non en boca de actores profesionais locais ou importados senón de persoas da propia comarca. Un catalán dialectal ben vivo na boca dos protagonistas que cinguidos ao guión, tiveron marxe para interpretalo ao seu xeito. Unha fonética que se perde na (necesaria) dobraxe ao castelán, pola incapacidade da maioría do público español de ler subtítulos. Unha fonética que reivindica as modalidades do catalán occidental, moitas veces tidas por subordinadas polo canon xerundense e barcelonés.

    Joaquim Ventura

    12 may 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito