Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Aldea Resort

    NON sempre o de vivir na aldea, ou no campo, como tamén lle chaman a iso de non habitar entre grandes edificios e asfalto, estivo ben visto. Foi no seu tempo bastante común, e aínda ás veces segue pasando, escoitar comentarios con certo ton tráxico cara aqueles que sobreviven en casas con terreos, que non teñen tendas, bares e todo tipo de servizos ao seu arredor.

    É certo que nos últimos tempos xa viña cambiando esa concepción da vivenda na aldea, máis que nada pola proliferación de chalés que nada teñen que ver coas edificacións de sempre, cando moita xente comezou a valorar outro tipo de calidade de vida e puido permitirse conseguilo, que tampouco é barata. Non nos imos poñer a medir a felicidade segundo un resida nun lado ou noutro, nin a averiguar se os que teñen pisos quererían ter casas con parcela, ou se os que viven fóra de núcleos urbanos desexarían ter todo máis á man e non depender dun vehículo para acceder a certas comodidades. Todo ten o seu aquel.

    Iso sí, deste confinamento quédome coa cantidade de veces que escoitei iso de “que sorte, que ben estás na aldea”. E é que, con permiso de todos os que intentan levar a situación o mellor posible, a xulgar polos comentarios, estas zonas convertéronse en novos paraísos para moitos que antes non repararan nas súas vantaxes. E xa non falo de todo tipo de luxos que poden ter algunhas residencias. Quen ía dicir que a casa de sempre, coa súa horta, a súa leira coas berzas, o millo e o hórreo plantado alá no medio de non se sabe onde, ben se asemellaría agora a un auténtico Resort de vacacións?

    Imaxínense xa se falamos das montañas de Benedicta alá en “O que arde”, onde as árbores pareceran xigantes defensores contra calquera atacante, incluído o coronavirus. Dende que afroxou o confinamento está pasando xente por pistas do rural que nunca pasara nin paseara, moita xuventude que quizais antes non inspeccionara a súa contorna. O outro día vin unhas rapazas sacándolle unhas fotos a unhas ovellas abraiadas. As nenas, non as ovellas, que tamén podería ser, visto o persoal dos últimos días.

    23 may 2020 / 23:19
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.