Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

“Alexandre Finisterre”, a Irmandade e o sindicalismo galego

    Nos últimos meses publicáronse varios artigos sobre Alexandre Finisterre facendo referencia á súa relación amorosa coa pintora e poetisa mexicana Frida Kahlo (casada con Diego Rivera). Mais sería un erro enfocar a súa personalidade esencialmente nesta relación afectiva deixando nun segundo plano o fundamental: a súa contribución a Galiza como editor e escritor. Foi esta a razón pola que en 1969 a Irmandade Galega de Bos Aires envioulle unha carta de recoñecemento. Unha inquedanza respecto do país que el ampliaba ao sindicalismo galego, tal como o manifestaba nunha carta que me remitiu en 1998. Porén, antes de seguir co tema, unha pequena síntese da biografía de Alexandre Campos Ramírez, tal era o seu nome verdadeiro.

    Alexandre naceu en Fisterra o 6 de marzo do ano 1919, e faleceu en febreiro de 2007 en Zamora. Con 16 anos marchou a Madrid onde ao pouco comezou a traballar na imprenta Murillo. Ese mesmo ano axudou a organizar un recital de León Felipe, co que mantería unha amizade de por vida, sendo o seu editor no exilio mexicano. Ao remate da Guerra Civil entra en Francia, de onde retorna a Galiza chamado pola súa familia, é detido e pasa 4 meses na cadea. No ano 1947 trasladase de novo a Francia despois de varios intentos fracasados. Desde o ano 1956 fixa a súa residencia en México, despois de vivir algúns anos en varios países latinoamericanos. Durante toda a súa vida sería unha persoa ligada á loita contra a ditadura franquista e a prol da República.

    O invento do futbolin daríalle popularidade. A iniciativa xurdiu durante a súa estadía en Barcelona, por mor dunha ferida durante a Guerra Civil, coa finalidade de aportar un xogo para os moitos raparigos tolleitos. Patentouno en 1937 e durante a súa residencia en Guatemala mellorouno. Mais tarde marchou a México, onde fundou e presidiu a Editorial Finisterre Impresora, dende a que editou a revista do Centro Gallego e diferentes libros de poetas, entre os que se atopaban de León Felipe e Juan Larrea. Ademais fue redactor de El Nacional y editou un facsímil da revista Galeusca e o primeiro libro de poemas de Ernesto Cardenal. etc. Asemade “Finisterre” fundou o Ateneo de Galicia en México e foi membro numerario da Real Academia Galega, así como da Federación Internacional de Periodistas e da Asociación de Escritores de México, da que foi membro fundador, etc. É autor dun numeroso poemario, así como antoloxías, estudos e ensaios.

    Nunha viaxe que fai a Galiza no ano 1975 é detido acusado de inxurias ao xefe de Estado polo que se lle pide unha pena de un ano e seis meses, e vinte mil pesetas de multa por mor da distribución no Estado español da “Nueva Antología de León Felipe”. Sería posto en liberdade pouco despois ao aplicárselle o indulto recentemente aprobado.

    A Irmandade Galega envioulle unha carta a Alejandro Campos Ramírez, con domicilio na cidade de México, con data do 7 de marzal de 1969, ía asinada polo presidente, Xosé Rodríguez, e máis o secretario, Manuel Mera, e dicía o seguinte: “Por unha atención do Dr. Fiz A. Fernández tivemos oportunidade de coñecer os libros “Compostela, Revista de Galicia” e “Poesía de Galicia” editados por vostede e que constitúen un magnifico expoñente da técnica impresora, pero sobor todo unha crara manifestación do seu amor á Terra Nai. Queremos facerlle chegar as nosas máis garimosas felicitacións por estes dous fermosos libros e agardamos con fondo intrés o intre da súa nova viaxe a estas terras para ter o pracer de saudalo persoalmente”. Coido que a iniciativa na IG foi de Moises Da Presa; un nacionalista teimoso e brillante que escribía en A Nosa Terra as “Revoldainas”, co alcume de Lourenzo Fragoso, e que militara con anterioridade na Organización Nacionalista Pondal, foi ademais a figura central da chamada “Fouce Roxa” e dun intento falido de crear un Partido Comunista Galego.

    Recuperei esta carta da IG grazas a Campos Ramírez (Finisterre) no ano 1998. Enviouma despois de ler un artigo que apareceu en A Nosa Terra sobre esta revista nos anos 60 no exilio arxentino. Dicíame que a conservaba a carta da IG “como oro en paño” e que xa tiña 79 anos máis que seguía nos “tachos” como din en Mexico. Vou reproducir de seguido a parte da carta porque coido que bota máis luz sobre a sua vida, relación con Galiza, e inquedanzas que tiña naquel intre.

    Indo ao que di na carta respecto do sindicalismo galego: “Estou a preparar un traballo sobor a historia do sindicalismo galego (tamén unha antoloxía da nosa poesía do século vinte, ampliación da que vostede coñece editada nos 60) polo que penso viaxar a Galiza en canto termine de liquidar os meus intereses en México”. E engade encol da cuestión sindical a pé de páxina: “O meu interese polo sindicalismo non é de hoxe. Aos 16 anos (xaneiro de 1936) entrei a traballar como aprendiz na Imprenta Murillo, controlada pola UGT, en Madrid meu pai deixarame interno nun colexio que, ao crebar os seus negocios na Coruña, non puido seguir pagando. Hoxe son membro da Federación Internacional de Periodistas”. Resulta evidente que Alexandre Finisterre tiña unha grande sensibilidade en todo o relativo a Galiza, que valoraba tanto ás súas organizacións máis representativas no exilio como á clase traballadora galega.

    Por distintos motivos non se puido concretar a xuntanza que el me propuña, unha magoa, iso si gardei a súa carta, así como a copia da que lle remitiu a Irmandade Galega.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    07 ene 2021 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito