Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Algunhas galegas, pensións cativas

    DICÍAMOS a semana pasada que os casos dos colectivos de traballadoras en sectores de actividade económica moi feminizados deben ser considerados á parte pola súas especiais características. Estas condicións da súa vida laboral son responsábeis directas da situación na idade de xubilación: traballo precario, xubilación precaria ou inexistente.

    E son precisamente as condicións en que se desenvolveu o seu traballo –claramente unha vida laboral activa– as que determinan as actuais situacións na vellice: pensións de xubilación mínimas, pensións de xubilación inferiores ás dos varóns coetáneos e do mesmo sector, pensións (non de xubilación) como son os subsidios, as non contributivas... e calquer outra modalidade posíbel que semelle que alguén outorga unha caridade a unha persoa que estivo ociosa toda a vida.

    A mentalidade aforradora do uso dos fondos públicos nestes usos compensatorios provén dunha concepción ultraliberal do funcionamento da economía e da ética, xustificadora (cando non lexitimadora) do funcionamento do mercado: o mercado é case perfeito (dise) e o/a que non soubo medrar e ter éxito é responsábel da súa persoa e do seu coidado na vellice.

    Como discurso político até podería resultar cautivador, mais tamén esixe crer nos paxaros preñados, na igualdade de oportunidades (ollo: igualdade quer dicer igualdade, non unha palabra nun papel) e na responsabilidade individual no devir social ou colectivo. Como nengunha destas crenzas (á súa vez comenenciudas para quen as defende) é verificábel en termos históricos ou sociais, deberemos pór o pensamento económico e a acción política noutro campo de xogo e adaptar as políticas públicas de redestribución da renda e do coidado dos cidadáns en estado de necesidade, de forma colectiva e responsábel.

    Deberemos –como en parte fan e fixeron todos os estados responsábeis– lograr a mellor e máis eficaz maneira de corrixir o funcionamento do mercado laboral para que non sexa el só o que goberne as relacións (o Dereito Laboral é unha rama do Dereito, e foi antes unha reivindicación social).

    Deberemos reivindicar que muden as condicións laborais para facer corresponder traballo con contrato, con remuneración, con cotizacións sociais, con dereitos equiparábeis en igualdade de cualificación e de tempo traballado. Así mesmo, é desexábel que o ensino regulado, aquel que é oficial e outorga títulos, contemple a nova realidade de necesidades de cualificación.

    Oficios hoxe inexistentes mais con miles de traballadoras, como é a limpeza doméstica: só limpeza, e só doméstica, deberíase oficialiazar cun ensino regrado. E así con cada unha das especialidades existentes neste labor imprescindíbel. Estaría ben, así mesmo, que existise na FP galega o oficio de mariscadora, de redeira, de viticultura, de xardineira, de miticultora/o, de carniceira, de pescadeira, de fruteira, é dicer, toda unha serie de traballos que hoxe non teñen -comezando polo da limpeza- máis recoñecemento que o ínfimo que o mercado en precario acorde.

    Estaría ben que o mercado fose corrixido polo labor público en ensino, contratos, cotizacións, promoción a emprego con cualificación e títulos alcanzábeis en tempo da vida laboral, e tamén estaría ben que o labor reivindicativo fose máis alá do cumprimento da lexislación vixente e buscase remedio para as condicións precarias do presente.

    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.