Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Amador Rodríguez Troncoso, fillo adoptivo de Negreira

COÑECÍN a Amador hai agora 55 anos nunha excursión que organizaba o SUT (Servicio Universitario del Trabajo do SEU) para amosarlles aos universitarios a realidade agraria de Galicia e ese día leváronnos á Axencia de Extensión Agraria de Negreira. Alí atopámonos cun home que nos deixou admirados polo entusiasmo e sinceridade que transmitía ao falar da súa axencia, dos traballos que estaba a desenvolver e, sobre todo, dos problemas cos que tiña que se enfrontar.

Tamén nos falou do compromiso que, ao seu ver, deberiamos ter na Universidade de Santiago cos homes do campo galego. Foi toda unha revelación, nunha xornada na que o percorrido por outras actividades do Plan Agrario da Coruña nos deixara un pouso triunfalista en relación con todo o que o Réxime estaba a facer por esta terra.

Troncoso nacera na Cañiza no seo dunha familia moi humilde de Guntín, onde seu pai fabricaba corozas (esas ancestrais capas de palla que levaba o labrego da montaña), orixe que nunca rexeitou e que gustaba lembrar cando na intimidade nos dicía que era coñecido polos seus conveciños como “o fillo do coroceiro”. Estudou Dereito na USC e por oposición entrou no acabado de crear Servizo de Extensión Agraria, onde foi destinado como xefe da primeira oficina que abría este servizo en España, precisamente en Negreira, no ano 1958.

Foron innumerables as actividades que alí desenvolveu, non sendo a menor, a promoción do cooperativismo agrario na zona que sería despois a base da industria leiteira FEIRACO. Moi identificado cos problemas cotiáns dos agricultores, sempre os defendeu, mesmo con actitudes que non eran demasiado ben vistas polos seus superiores. De feito, a súa implicación persoal no asesoramento xurídico na reclamación dunha labrega custoulle un castigo e o seu traslado á axencia de Betanzos.

Cando no ano 1982 o Servizo de Extensión Agraria de Galicia foi transferido á Xunta, foi nomeado rexedor rexional (o máximo cargo da institución) e, desde as amplas instalacións que tiña en San Lázaro en Santiago, puido coordinar ata a súa xubilación, as 69 axencias comarcais, os 19 centros de capacitación agraria e as seis escolas de capacitación agraria que tiña por todo o país. Un xesto que define moi ben o carácter de Troncoso foi a renuncia que fixo do chalet en San Lázaro, ao que tiña dereito polo seu cargo, e o seu traslado para vivir nun piso da rúa do Home Santo.

O seu compromiso galeguista, ao que nunca renunciou, levouno a colaborar con Díaz Pardo no novo Seminario de Estudos Galegos, como secretario da área de agricultura e despois como vicepresidente da institución. Alentou co seu característico entusiasmo a promoción do mel galego con numerosas iniciativas, sendo presidente de Galicia Calidade: Mel de Galicia. Tamén foi socio fundador das asociacións Alexandre Bóveda e Castelao. O seu carácter organizado e a súa prodixiosa memoria convertérono no arquivo vivinte da extensión agraria de Galicia, que a veu nacer e tamén ... morrer, coordinando ao final dos seus días un monumental volume sobre o Servizo de Extensión Agraria de Galicia, 1958-2002 (2015), onde fica todo o necesario para coñecer o devir desta fundamental institución da cultura agraria galega. Troncoso foi a súa alma.

Desde o ano 1958 no que se creou a axencia de Negreira, a agricultura galega mudou dun xeito radical. Despoboouse o campo e as explotacións que fican están a acadar un grao de tecnificación e complexidade inimaxinables naquela altura. O contexto galego, e mesmo español, no que se centraba nos seus inicios a problemática da capacitación e da cultura agraria de Galicia pasou a ter hoxe un carácter mundial e moitas voces comezan a pedir xa unha nova extensión agraria adaptada aos novos tempos para poder prepararse axeitadamente diante dos problemas futuros, que certamente non faltarán.

Non semella doado repetir mimeticamente os esquemas cos que funcionou o SEA (e Troncoso era ben consciente diso), pero coido que sí sería necesario arbitrar algún tipo de capacitación, compatible cos diferentes niveis de ensino que xa actúan no campo, para que as explotacións que fiquen poidan competir no concerto global polo seu nivel de calidade e rendementos. Esta recreación do SEA sería tamén unha boa homenaxe na lembranza do inesquecible Troncoso, ao mesmo tempo que o seu xusto nomeamento como fillo adoptivo de Negreira o dia 22 de outubro.

21 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito