Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Amizade duradeira

    ATOPÁRONSE, no cruce das entradas daquel pobo pequeniño, tres amigos de vello, de cando eran estudantes nunha universidade lonxana, grande e, aínda na actualidade, prestixiosa. Miráronse, coñecéronse, abrazáronse e non pararon de falar ata a noite. Os tres sabían e presumían de que a amizade era, como dicía Aristóteles, unha alma que habita en varios corpos ou como o corazón que rega con sangue limpa e dá vida a varias almas.

    Supera á política e aos vellos prexuízos, ás crenzas e ás distancias. A amizade é a máis grande das honras que se lle pode render e tributar a calquera que sexa amigo, é capaz de borrar o tempo ou detelo, como fixo con aqueles tres paisanos que se pararon na beirarrúa, onde poida que aínda segan falando. A amizade está aí, sempre disposta para entenderse, para dialogar e agrandar os espazos de liberdade, os de todos e os de cadaquén.

    Pola dereita, pola esquerda ou polo medio do camiño, van os amigos falando, conversando e escoitando, con confianza, con afecto, con serenidade total e coas súas diferencias enriquecendo o tránsito e o diálogo. No camiño, en calquera camiño e, de modo especial no Camiño de Santiago, os camiñantes e/ou peregrinos son iguais, tan pobres e tan ricos uns como os outros. Tan amigos, con esa amizade que arranca do contacto, das mesmas madrugadas, das mesmas paisaxes e das mesmas noites de soños diferentes.

    Por certo, o Camiño de Santiago é como unha trela ou soga que traba amizades e fai amigos entre os milleiros de persoas que andan cara a Santiago, e que volven ás súas casas coa disposición de esixir un mundo con máis solidariedade e con máis respecto á igualdade e á diversidade.

    Cada un dos amigos de verdade é un tesouro e cómpre coidalo para que ese patrimonio non esmoreza nunca e para que nunca poida compararse con eses amigos de facebook, cos seguidores de Twitter ou cos “me gusta” de Instagram, con eses que, a pesar de seren milleiros, quedas na soidade total, con saudade e señardade, sen ter a quen mirar, sen poder falar, sen escoitar e sen o alivio da tenrura daquela man engraxada en dozura.

    Os tres amigos que se atoparon despois de tantos anos, sen cansarse de falar, seguiron cada un o seu camiño, a paso largo e cara a mesma meta, coa satisfacción de que a súa amizade era duradeira e sen hipocrisía, como debe ser unha amizade real, nas boas e nas malas.

    27 abr 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito