Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Amor para dar

    VIVIMOS unha situación bastante difícil nestes tempos. Soben os prezos na alimentación, sobe a vivenda e as facturas da luz e do gas están a deixar á sociedade en números vermellos. Van tres anos dende que a pandemia causada pola expansión do covid-19 nos mudou a vida, borrándonos o sorriso ata nas festas do Nadal. Perdemos oportunidades, cancelamos plans, deixamos de facer tantas viaxes e de acadar tantos soños... sempre coa esperanza de recuperar o tempo perdido mentres eramos conscientes de que Cronos non se detiña e de que non volvería...

    Agora parece que decembro fai brillar os nosos ollos de novo, cos milleiros de luces led instaladas en cada recuncho do planeta, eses que prenden a ilusión nos nosos corazóns e que nos fan sorrir ó ver as caras coñecidas que antes tapaban as mascarillas. Atrevémonos a dar apertas e bicos, ata parece que estamos conseguindo borrar ese tempo escuro do distanciamento social. Algúns fixérono hai tempo, a outros custounos máis... levando a precaución ó último extremo. Hoxe vestimos o mellor sorriso para dar a benvida a este tempo de Nadal, pintamos os beizos e sentímonos un pouco máis libres e esperanzados, con tanto amor para dar.

    Nisto do Nadal e das luces, Vigo sempre se leva a palma en Galicia, pero teño que confesar que Lugo tamén está ben fermoso este ano, con distintos puntos de luz na cidade, con varias árbores de Nadal e figuras emblemáticas que cando chega a noite convirten a urbe romana nun espazo máxico, no que podemos ser nenos outros vez. Volvemos sentir a maxia dos que visitan o Belén de Begonte por primeira vez, artellado con tanto agarimo e onde nenos e maiores gozan dunha experiencia única coas súas figuriñas animadas.

    Lugo loce neste tempo outra cara amiga, máis amiga do que xa é cada día para oriúndos e visitantes. Son as luces ou o recordo de anos pasados o que me fai bagullar. Pero son bágoas de ledicia. Este ano é máis máxico ó poder reunirme con quen estivo afastado ata agora pola pandemia, a milleiros de quilómetros xeograficamente, ó marchar antes da declaración do estado de alarma de marzo de 2020 e sen poder pasar outro Nadal en familia. Chegou o momento, férveme o sangue coa ilusión. Volveremos á Terra Cha e seguiremos as tradicións do Nadal.

    Na casa xa brillan tamén as luces. O piñeiro está adornado no salón. Xa están mercados os agasallos. Todo listo. Pero non podo esquecer, aínda estando radiante e ilusionada, a todos aqueles que se atopan lonxe dos seus fogares, que o perderon todo pola guerra de Ucrania.

    Tampouco podo mirar para outro lado nin tapar os ollos e deixar de ver a realidade que está ó noso carón, das familias que perderon o traballo e que están pasando tantas dificultades. Dos nenos que non terán xoguetes debaixo da árbore. Os Reis Magos teñen que levar un GPS ou coñecer todos os enderezos. Unha vez máis, que non se esquezan dos que menos teñen nestas datas nas que algunhas familias tiran a casa pola ventá e outras quixeran contar coas sobras que van ó lixo.

    Eu achegarei a miña parte, hai moitos xeitos de facelo: coa axuda no supermercado para os bancos de alimento, con doazóns, acompañando ás persoas que están soas nestas datas, ofrecendo a man amiga que todos desexamos tocar. Iso é o Nadal: compartir, axudar, sentir que non somos mellores por ter máis, somos iguais e moitos precisan tan só de que nos acordemos deles.

    17 dic 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.