Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 23 mayo 2024
20:39
h
ENQUANTO HÁ FORÇA

Analfabetos dixitais

    Despois da campaña iniciada o pasado mes de xaneiro por Carlos San Juan desde Valencia baixo o título “Son vello, pero non idiota”, parecía que só os anciáns teñen problemas coa dixitalización xeral que anda a destruír postos de traballo e a discriminar aos analfabetos dixitais, pero algúns incidentes dos últimos días parecen mostrar que o analfabetismo dixital está estendido por todas as idades. A iniciativa de San Juan vai dirixida contra as medidas dos bancos que restrinxen ou anulan a atención persoal, co peche de sucursais e a obrigación de usar os caixeiros electrónicos para sacar ou ingresar diñeiro ou para pagar recibos e facer transferencias, salvo nos casos de cantidades importantes.

    Trátase, en realidade, dun proceso que leva desenvolvéndose desde hai tempo, particularmente visíbel na chamada España baldeirada, pero do que parece que veñen decatándose agora políticos e gobernantes. Grazas á campaña de Carlos San Juan, por exemplo, o goberno de España tomou conciencia do vello problema e contactou coa banca, para pedirlle que estuden a maneira de conseguir a inclusión financeira das persoas maiores (é dicir, que busquen a maneira de solucionar os graves problemas provocados polas súas medidas arrogantes e excluíntes, problemas dos que, ao parecer, os banqueiros tampouco tiñan noticia).

    A campaña, por certo, está a recoller por Internet milleiros de firmas (leva máis de medio millón en menos dun mes), proba de que non todos os maiores son totalmente analfabetos no manexo dos soportes dixitais, da mesma maneira que non todos os menores de setenta anos son enxeñeiros informáticos. No Congreso dos Deputados hai abundantes exemplos de torpes dixitais (e non dixitais: nas votacións presenciais os portavoces fan sinais aos seus deputados para indicarlles qué teñen que votar e non se equivoquen). Os erros non soen ter transcendencia cando non inflúen no resultado final, pero desatan o escándalo cando son decisivos, como ocorreu o pasado 3 de febreiro nun pleno do Congreso cheo de torpezas múltiples (non só dixitais). O resultado final, neste caso, parece alimentar certa lenda de boa sorte (baraka, en árabe, como se dicía de Franco) que algúns atribúen á traxectoria de Pedro Sánchez.

    Ironías do destino: a torpeza dixital dun deputado da dereita desmontou un novo tamayazo preparado pola mesma dereita e que tería anulado un decreto de reforma laboral deseñado co obxectivo, entre outros, de satisfacer certas condicións da Unión Europea para seguir a transferir os fondos da recuperación económica, que o goberno español quere empregar especialmente en dixitalización e sostibilidade. Deste case infarto político (e dos resultados electorais en Portugal) cabería esperar que os puristas de esquerdas saquen algunha conclusión en relación coas súas clásicas tendencias suicidas.

    Xosé A. Gaciño

    08 feb 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito