Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Aparentar felicidade e sufrir
unha depresión é posible

    A morte dunha persoa coñecida, que transmitía enerxía positiva a toda a xente que a rodeaba, que estaba sempre rindo e facendo rir... parece que conseguiu facer visible unha situación seria e preocupante, como a falta de ganas de vivir, a busca voluntaria da morte, en persoas ás que aparentemente non lles falta nada, con todo trátase dun problema, e como ao cancro nunca se lle chama polo seu nome, pero existe desde tempos inmemoriais.

    Quen non o crea que mire as cifras de enfermos mentais e de suicidios que ocorren cada ano en España, en xeral, e en Galicia, en particular. Como dicían os vellos: “no cárcere, no manicomio e no cemiterio todos temos unha pedra”.

    Recordo que a mediados do século XX un suicida era un apestado, un pecador, unha persoa que non podía ser enterrada no cemiterio católico, unha vergoña para toda a familia, que ademais de soportar a dor da perda, tiña que aguantar a exclusión social.

    Probablemente eses tabús son os que fan que as persoas que a sofren disimulen, finxan, actúen para que os demais non se decaten do que sofren, non recoñecen que teñen un problema serio e que precisan de axuda... Veume isto á cabeza cando oín dicir a Pedro Almodóvar: “Unha gran profesional, que era a personalización da alegría de vivir..., nunca pensei que ela (Verónica Forqué) acabaría así».

    As opinións sobre estes temas foron cambiando? Cambiaron si, pero máis nos países con maior poder adquisitivo, xa que, por fortuna, existen psicoterapeutas (non só nas películas americanas) e psiquiatras que nuns casos poden axudar a resolver, e noutros, a convivir, coa depresión de forma controlada.

    O malo é que, como di a canción, en “esta España nuestra”, é sempre máis doado para os ricos que para as persoas de clase media e baixa. A seguridade social gratuíta non considera importantes estas doenzas e as consultas privadas son caras.

    Por outra parte, é unha enfermidade que resulta moito máis doado identificala na casa do veciño que na propia. Aínda así, se un fillo ou unha filla se autolesiona, deixa de comer ou o fai convulsivamente, se sofre variacións de peso inexplicables en tempo récord, se deixa de ir ben nos estudos, empeza a consumir estupefacientes... pódense considerar sinais de que algo non vai ben na súa cabeza.

    Nos adultos pode non resultar tan doado identificar eses sinais que, segundo os profesionais, se mostran de forma evidente e ás que o resto dos mortais non conseguimos velas.

    Ademais, as persoas adultas terían que recoñecer que se trata dunha doenza para poder ser tratadas, de aquí a importancia dos médicos de familia na detección dos primeiros síntomas, porque, o certo é que para as persoas de a pé nin sempre son fáciles de detectar, e moito menos identificar se os posibles indicios son importantes. É dicir, son necesarios, imprescindibles diría eu, os profesionais no plano nacional de saúde e, tamén é fundamental non ter que esperar varios meses en ser atendidos.

    21 dic 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito