Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

as pantallas

    A atracción por certos delincuentes é algo que case todos experimentamos algunha vez. É un vello tema na vida, no cine e na literatura. Robin Hood –que roubaba aos ricos para dárllelo aos pobres, di o tópico– é un dos personaxes que modelaron o mito dos ladróns simpáticos, un arquetipo que con mil formas: desde Butch Cassidy e The Sundance Kid, no Oeste americano, ata os a saltantes do tren de Glasgow.

    Polo xeral, parte das características deste mito que é que usa o seu enxeño e a súa astucia para cometer as súas falcatruadas, sabe ser xeneroso cos beneficios obtidos e as súas vítimas son con frecuencia millonarios desaprensivos e bancos cobizosos.

    Os personaxes de Paul Newman e Robert Redford en El golpe (a película de Roy Hill, escrita polo gran William Goldman) encarnan unha das mais celebradas actualizacións do mito. Digamos que se trata de ladróns con conciencia de clase, para os que o roubo é unha sorte de expropiación ou vinganza fronte os poderosos. O primeiro santo da Igrexa Católica foi un Bo Ladrón, pois o propio Xesús lle prometeu, segundo San Lucas, que estaria no ceo ao seu carón.

    Estes días coñecemos o éxito enorme da serie francesa de televisión Lupin, inspirada nas novelas do escritor francés Maurice Leblanc, creador das peripecias de Arsène Lupin, “cabaleiro e ladrón”, como dicía o título da súa primeira aparición.

    Leblanc (1864-1941) foi un autor singular: naceu nunha familia acomodada, licenciouse en Dereito, dedicouse ao xornalismo (cando todo parecía indicar que acabaría gobernando os negocios familiares) e seguíu as ensinanzas de Gurdjief, un predicador místico de orixe armenia. As novelas protagonizadas por Lupin tiveron éxito en todo o mundo. Este salteador culto e refinado , con modales de home distinguido e mil disfraces, talvez estaba inspirado en Marius Jacob, un delincuente anarquista real.

    Divertiu a moitos lectores e espectadores de cine e televisión: desde o ano setenta ata hoxe mereceu varias series, películas e videoxogos. Agora Lupin é o protagonista dunha nova serie (Netflix) de éxito mundial (xa a viron, din os produtores, setenta millóns de espectadores) .

    A actual serie non é unha adaptación das novelas, senon mais ben a creación dun personaxe novo (Assane Diop, interpretado polo actor Omar Sy) que tivo as aventuras de Lupin como lectura infantil e que actúa guiado polo que aprendeu nas súas novelas, bucando vingarse da riquísima e cobizosa familia que lle fixo un dano cruel na súa infancia.

    A serie non é un prodixio de ritmo, nin crea sólidos personaxes secundarios, nin ofrece grandes imaxes das rúas e parques de París. Pero recupera a nosa vella e impune admiración polos ladróns simpáticos, que prefiren a renartería á violencia. Quizais Lupin encerre un significado mais aló do anecdótico e sexa, como tantos mitos, a realización dun desexo universal: o desexo de burlar aos que nos fan dano.

    02 feb 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.