Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 13 mayo 2021
23:03
h

Artellarmos outra produción eólica

    O Decreto eólico do goberno BNG-PSdeG do 2007 garantía xustos rendementos para os propietarios dos terreos e as comunidades locais onde se inserían, así como priorizar os mellores plans industriais, que garantían para o ámbito local e, en xeral, para Galicia un desenvolvemento industrial adicional á potencia eólica adxudicada. Mais Núñez Feijóo derrogou as adxudicacións decididas ao abeiro deste Decreto, impedindo o desenvolvemento de plans industriais por 5.000 M€ que xerarían daquela uns 8.000 postos de traballo.

    Arestora as enerxías renovábeis voltan estar na axenda. E iso está ben. Mais resulta que unha malfadada combinación da lexislación eléctrica española coa lexislación ambiental e de ordenamento territorial galega está a xerar unha enxurrada de proxectos eólicos ilegais, inviábeis e insostíbeis. Proxectos moitas veces xerados dende a simple especulación e que non atenden ao desenvolvemento económico sustentábel da Galicia ao que haberían de se subordinar.

    Existen tamén proxectos con ilegalidades abondo. A defensa do ambiente e do patrimonio cultural (igrexas, castros, mámoas, camiños xacobeos...) han ir por diante, como ordenan as Leis galegas 5/2016 do patrimonio cultural e 5/2019 do patrimonio natural de Galicia. Por outra banda, para tentar diluir sobre o papel o impacto ambiental e na paisaxe algunhas das promotoras adoitan fraccionar macroparques inviábeis xurídicamente noutros menores, praxe xa condenada con pena de nulidade polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia). Arestora os proxectos dos parques Bustelo, Campelo e Toural, na bisbarra bergantiñá, os de Legre, Gasalla e Solpor (na de Ordes-Curtis) e Troitomil e outros nas terras da Baña-Negreira incorren nesta fraude de lei.

    Sen contar os desaquelados impactos paisaxístico (arestora fan torres de 200 m., non as vellas de 30) e acústico, que fai imposíbel a vida nas aldeas da contorna. Ou a inviabilidade das explotación agrogandeiras, porque desta volta queren facer parques eólicos nos prados das abas, xa non só nos cumios e curotas.

    Se isto non se amaña imos ver un dos conflitos sociais máis importantes da historia contemporánea de Galicia. Porque moitos propietarios rurais, sindicatos agrarios, comunidades de montes en mán común, alcaldes dos partidos todos e as forzas políticas de oposición van estar fronte esta enxurrada propia dos peores esquemas da explotación colonial, tendo en conta que exportamos o terzo da enerxía eléctrica que producimos e non podemos beneficiar ás nosas empresas e á nosa cidadanía cunha tarifa eléctrica que compense os nosos custos ambientais e sociais.

    Velaí que haberían ser as industrias galegas responsábeis as que haberían termar deste conflito e propor un marco legal, un auténtico pacto social, que regulara a explotación eólica na Galicia, alicerzado: I) nunha acaída compensación ás comunidades locais, propietarios individuais ou comunitarios e concellos atinxidos (Mazaricos só percebe 200.000 € da Xunta dos 700.000 € que ésta recada polo canon eólico no seu territorio) II) nun pacto pola reindustrialización –sectorial nas renovábeis e xeral a medio dunha tarifa eléctrica industrial de noso– e III) nunha volta ao modelo do goberno bipartito priorizando na escolla eólica ás empresas vencelladas á economía produtiva galega.

    02 may 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito