Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 23 mayo 2024
20:39
h
ENQUANTO HÁ FORÇA

As eléctricas, na fronte ampla contra o Goberno

    Non toda a sociedade española está indignada pola fulgurante escalada dos prezos maioristas da electricidade. Para empezar, os executivos das grandes empresas eléctricas (produtoras e distribuidoras, que son as mesmas pero que xogan a ser diferentes para poder xogar á poxa daquela maneira) non parece que estivesen moi indignados. De feito, a poxa pegou un salto de case vinte euros ao día seguinte de que o Goberno anunciase o seu plan de choque para intentar que esas astronómicas carreiras de prezos repercutan o menos posíbel nos consumidores, e as empresas con centrais nucleares (que son tamén as mesmas que teñen centrais térmicas e centrais hidráulicas, e venden toda a produción a prezo de solombo de tenreira, segundo a acertada metáfora de Aimar Bretos) ameazan con pechar esas centrais, se as o Goberno insiste en privarlles dos beneficios suplementarios que reciben por vender a súa produción ao prezo que marcan uns custos (os do gas natural e os dos dereitos de emisión de dióxido de carbono) que non teñen.

    Tampouco debían de estar indignados os inversores bolsistas, a xulgar pola baixada das accións das eléctricas unha vez coñecidas as intencións do Goberno de pór coto ás repercusións que poidan ter nos consumidores as subidas dos prezos maioristas. Frear as subidas parece que non é negocio para os inversores.

    Tras a decisión do Goberno de corrixir a escalada, os movementos dos últimos días, con subidas espectaculares nas supostas poxas ás que xogan as eléctricas, ademais das ameazas de recorrer aos tribunais ou de parar as nucleares, parece que están a contribuír a alimentar a crispación política. Como se nestas subidas de prezos comezase a funcionar algo máis que a famosa man invisíbel do mercado. Como se as eléctricas se tivesen sumado á fronte ampla contra o chamado goberno social-comunista, fronte na que xa militan todas as variantes da dereita centrista, moderada e extremista (mesmo a dereita independentista catalá, que boicotea até o seu propio govern), ademais dunha nutrida tropa mediática e o poder xudicial caducado, por non remontarnos a aqueles militares na reserva dispostos a fusilar á metade dos españois.

    Despois de todo, dirán, a enerxía está a subir en todo o mundo e un pouco máis na tarifa local tampouco vai ser tan grave e os dividendos dos accionistas (e os bonus dos executivos que toman as decisións) agradecerán o redondeo. E se hai dificultades de custos para a recuperación económica xeral, sempre queda a consabida limitación salarial, que parece que os salarios son o capítulo de custos que máis custa pagar.

    (Nota perversa: xa é un tópico referirse ás portas xiratorias entre a alta política e as grandes empresas, pero non me resisto a recordar que Felipe González é conselleiro de Naturgy e José María Aznar é asesor de Endesa, os dous exemplos máis importantes dos que xiraron por esas portas. Loxicamente, nestes días, gardan un discreto silencio)

    Xosé A. Gaciño

    17 sep 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito